Cangas pecha a X edición das Escolas Deportivas Municipais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

Esta semana remata a décima edición do programa de Escolas Deportivas Municipais do Concello de Cangas. Esta iniciativa comezou o pasado mes de outubro ofertando 18 modalidades deportivas aos escolares do municipio en colaboración coas diferentes entidades deportivas da vila. Concretamente o programa recolle as seguintes disciplinas: atletismo, baile deportivo, baloncesto, ciclismo, patinaxe, piragüismo, psicomotricidade, taekwondo, tenis, tenis de mesa, vela, voleibol, windsurf, xadrez, ximnasia Aspansim, e ximnasia as cales hai que engadir bádminton e remo que aínda que foron ofertadas non se impartiron por falta de demanda.

Nesta iniciativa participaron nenos e nenas de idades comprendidas entre primeiro de infantil ata 6º de primaria que despois de aboar unha única cota que basculaba entre os 35 aos 55 euros, puideron gozar da práctica deportiva a través de sesións dunha ou dúas horas semanais, dependendo da modalidade deportivas que foron desenvolvidas nas instalacións dos centros escolares ou nas instalacións dos propios clubs, complementando a oferta de actividades extraescolares dos centros educativos así como facilitando o acceso a deportes máis minoritarios.

Esta actuación supón un investimento de ao redor de 28.000 euros dedicados a financiar os 28 monitores que traballaron ao longo de todo o curso nos diferentes deportes atendendo a 44 grupos facendo un total de 611 escolares participantes nesta edición, mantendo as cifras rexistradas o pasado ano.

Entre ás modalidades deportivas máis solicitadas estiveron taekwondo e patinaxe superando o centenar de alumnos. Pola contra e pechando a lista estiveron as actividades de psicomotricidade, ximnasia Aspansim e ciclismo cunha decena de participantes.

28 de maio de 2014 | 18:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.