Cangas disporá de 10 bandeiras azuis nos seus areais
Hoxe déronse a coñecer as praias seleccionadas pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) que este verán contarán co distintivo de Bandeira Azul.
No concello de Cangas ondearán 10 destes galardóns, tres máis que o pasado ano. Ás praias de Rodeira, Areamilla, Liméns, Nerga, Melide, Areabrava e Menduíña únense esta temporada os areais de Arneles, Areacova e Francón.
Deste xeito, Cangas convértese no segundo concello de Galicia no que locen maior cantidade de Bandeiras Azuis, soamente por detrás de Sanxenxo que conta con 14 distintivos. A nivel estatal o municipio cangués é o terceiro con maior número de Bandeiras Azuis tras Sanxenxo(14) e Cartagena (11).
Con este galardón a ADEAC premia a calidade excelente das augas de baño, o cal garante a ausencia de vertidos industriais, augas residuais ou calquera substancia contaminante que poidan afectar ás praias e ao seu entorno; a continua limpeza dos areais e a existencia dunha serie de servizos coma socorristas, equipos de primeiros auxilios, sinalizacións, accesos e puntos de auga dóce.
O goberno local amósase completamente satisfeito por este resultado. O concelleiro de Praias Jesús Graña quere destacar a excelente calidade das augas dos areais cangueses xa que “tamén é importante o que non se ve”. O edil sinala a importancia deste tipo de recoñecementos nestes tempos de crise e espera que “sirvan para consolidar a Cangas coma destino turístico” de forma que repercuta tamén a outros sectores coma a hostalería.
Graña recalca que estas 10 bandeiras son froito do traballo tanto do goberno local coma de traballadores municipais a afirma que “ non vamos a ocultar que nos resulta satisfactorio, que non sorprendente, ser galardoados con este distintivo”. Defende que “dende a concellería de Praias seguiremos traballando neste sentido porque hai potencial para conseguir máis Bandeiras Azuis pero é necesario reforzar a dotación hoteleira” algo que xa está en camiño con tres proxectos para a construción dun spa e dous hoteis que xa contan con licenza municipal.
Cangas conta cun total de 38 areais nos máis de 31 quilómetros de costa cos que conta o municipio. Todo un récord na comunidade galega.