Cangas celebrará o I Torneo Open de Dominó
Este medio día o salón de plenos do concello de Cangas acolleu a presentación do “I Torneo Open de Dominó Concello de Cangas” organizado pola recen estreada “Asociación Federativa e Deportiva de Dominó de Cangas do Morrazo en colaboración coa Fundación Cangas Deporte e diversas empresas locais. O acto estivo presidido polo alcalde José Enrique Sotelo, o concelleiro de Deportes Francisco J. Soliño e o presidente da Asociación Serafín Do Campo.
Este torneo conta cunha fase de equipos, no que participarán 40 parellas federadas procedentes de todas as provincias de Galicia, que puntuará para a Liga Galega de Dominó e para o Campionato Nacional. O vento tamén conta cunha parte “open” na que poderán participar todas aquelas parellas que o soliciten aboando a inscrición de 35 euros que servirá para pagar a comida e o resto dos custes. A falta do peche das inscricións mañá xoves, polo momento hai anotadas unhas 60 parellas de diferentes lugares da Comunidade Autónoma.
As partidas comezarán ás 10.00 horas e está previsto que se disputen catro en horario de mañá e tres pola tarde. A organización estima que a entrega de trofeos terá lugar entre as 19.00 e as 19.30 horas para non coincidir coa final da Champions League que se disputa o mesmo día.
Ademais do acto de presentación deste evento a Asociación Deportiva de Dominó de Cangas do Morrazo aproveitou para realizar a súa presentación oficial. Na actualidade conta cun total de 17 membros federados pero teñen esperanzas de duplicar esta cifra nos próximos meses. O presidente da asociación Serafín Docampo afirmou que esta agrupación naceu de forma casual polo “ amor que un grupo de coñecidos profesaba polo dominó”. Como en Cangas non había ningún equipo de federados este pequeno grupo comezou a xogar coa asociación de Pontecaldelas ata que finalmente decidiron constituíse por si mesmos e levar o nome de Cangas por todos os puntos de Galicia.
O alcalde de Cangas quixo destacar que no noso municipio a través da Fundación Cangas Deporte estanse promovendo cada vez máis actividades deportivas coma a petanca, a chave e neste caso o dominó, que ten un gran número de seguidores en moitos puntos do concello cangués.
Pola súa parte o concelleiro de Deportes quixo manifestar o seu apoio ante este campionato e dar a benvida á asociación nun momento no que Cangas conta con actividades deportivas dentro da súa programación cada fin de semana.











