Cangas acolle a sétima edición do “Día do balonmán na Rúa”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangasDeportesDeportes Portada
A-
A+

O próximo domingo 18 de maio celebrarase en Cangas a sétima edición do “Día do Balonmán na Rúa”, acto de clausura das Escolas Deportivas da Federación Galega de Balonmán e a Deputación provincial de Pontevedra 2013/14. Nestes intres hai inscritos 146 equipos, uns 1.200 nenos e 220 monitores das diferentes escolas deportivas e clubs da provincia (e de algunha escola de Ourense que se suma a esta festa, coma Pabellón ou Campus Aurea). Para o día do torneo, esperan chegar aos 1.400 rapaces.

Hoxe tivo lugar no Concello de Cangas o acto de presentación do Día do Balonmán na Rúa, coa presenza do alcalde de Cangas, José Enrique Sotelo; a diputada provincial de Deportes Begoña Estévez; o xefe provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides; o concelleiro de Deportes de Cangas, Francisco Javier Soliño; o presidente da Federación Galega de Balonmán, Xosé Luis Pérez Ouro e o presidente do Balonmán Cangas, Manuel Camiña.

No transcurso do acto todos eles destacaron que Cangas é “terra de balonmán” e por iso parece un lugar idóneo para a celebración do Día do Balonmán na Rúa. O presidente da Federación Galega agradeceu unha vez máis a colaboración de todas as administracións e animou a todos a achegarse ata a Alameda para poder contemplar este espectáculo.

Durante a xornada lúdico-deportiva -de 10:30 horas a 18:30-, os rapaces (de idades comprendidas entre os 8 e os 14 anos) disputarán aproximadamente 300 partidos das categorías prebenxamín, benxamín, alevín mixto e infantil masculino e feminino. Ao remate da competición as e os nenos desprazaranse ata o Gatañal para ver a final da Copa Deputación e no intermedio do partido terá lugar o acto de entrega das medallas aos participantes. Ademais hai que destacar a colaboración desinteresada do Comité Galego de Árbitros nesta “festa do balonmán”.

O “Día de Balonmán na Rúa” é o broche de ouro ás Escolas Deportivas da Deputación Provincial, que se celebran entre os meses de outubro e maio. Dende hai xa sete anos a Federación Galega de Balonmán conta co patrocinio da Deputación para a celebración destas escolas, que achegan o balonmán aos máis pequenos. As Escolas Deportivas da Deputación comezaron no 2007 con 670 nenos e nenas e na edición deste ano participan arredor de 2.700 nenas e nenos en 148 escolas de 31 concellos da provincia.

Final Copa Deputación. A final da Copa Deputación de Pontevedra desta tempada farase coincidir co Día de Balonmán na Rúa, para que os pequenos balonmanistas poidan ver en acción aos equipos máis destacados galegos. Polo momento coñecemos o nome de un dos finalistas, o Frigoríficos do Morrazo, que é o único club galego presente actualmente na Liga Asobal. O conxunto de Pillo logrou a clasificación para a final o día 1 de maio, ao superar ao Chapela (21-32). O día 15 terá lugar a segunda semifinal entre Teucro e Octavio, mentres que a final será o día 18 de maio no Gatañal.

13 de maio de 2014 | 19:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.