publicidade hoxe

Cambados acollerá un novo obradoiro de autoemprego e cooperativismo no eido rural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambadosPontevedra
A-
A+

Cambados acollerá os próximos días 3 e 4 de xuño o segundo dos “Obradoiros de Autoemprego e Cooperativismo no Eido Rural” que se están a desenvolver no marco do proxecto aQuelando3, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e que buscan formar, asesorar, apoiar e acompañar os emprendedores que queren iniciar un novo proxecto empresarial que xere emprego e dinamización no rural.

O primeiro dos obradoiros desenvolveuse na Mancomunidade Ulla-Umia, concretamente no concello de Portas, a comezos de abril e deu lugar xa á constitución dunha nova empresa, ademais de ser varios os emprendedores que están a recibir asesoramento para que poidan tamén poñer en práctica os seus proxectos.

Agora serán os veciños e veciñas dos concellos da Mancomunidade do Salnés os que teñan ocasión de recibir esa formación e asesoramento específico, en dúas xornadas que terán lugar no local de Exposalnés e nas que se abordarán cuestións relativas á detección de posibilidades de negocio, fórmulas de autoemprego ou axudas ao emprendemento.

Así, na primeira das xornadas, o martes 3 de xuño, a técnica da Rede Eusumo da Xunta de Galicia Purificación Alfonso falará sobre como detectar necesidades e ideas de negocio innovadoras, para que os interesados poidan apostar por aqueles proxectos que realmente teñan máis garantía de éxito. De seguido, os participantes nos obradoiros poderán coñecer casos reais de persoas que decidiron emprender e que hoxe por hoxe teñen en marcha iniciativas exitosas, como Nacho Crespo da Quinta de San Amaro; Lorena Fernández e Ana Vidal de Achega atención domiciliaria; Yolanda Baños, Raquel Prol e Susana Loroño de Dalleqdalle coworking e Alicia Nogueira de Iki Findik.

Esta primeira sesión pecharaa Antonio Piñeiro, responsable do Centro Provincial de Asesoramento Empresarial 2.0 que expoñerá o funcionamento do centro e orientará aos novos emprendedores sobre a aplicación das novas tecnoloxías aos seus proxectos.

A segunda sesión comezara da man de María Esther Núñez e Carlos Morales, técnicos da Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) que explicarán as diferentes fórmulas de autoemprego. A continuación Miguel Fidalgo, responsable de programas do IGAPE, disertará sobre as axudas ao emprendemento, para finalizar novamente Purificación Alfonso cunha explicación detallada do funcionamento, requisitos legais e característcas da fórmula cooperativa.

Seis obradoiros en toda a provincia

A este obradoiro seguiranlle outros en Baixo Miño, Deza, Val Miñor e Condado-Paradanta, dado que forma parte dun ciclo de 6 actividades formativas que a Deputación impulsa en toda a provincia no marco do “Pacto pola calidade e a produtividade social no emprego”, que implica aos axentes sociais e ás administracións supramunicipais no desenvolvemento do rural e dunha economía máis social.

Con este obxectivo, asinouse un convenio coas mancomunidades dos Vales Ulla-Umia, do Salnés, do Baixo Miño, de Terras do Deza e de Municipios  do Val Miñor, así como co Grupo de Desenvolvemento Rural Condado- Paradanta, Cruz Vermella Española, COGAMI, FADEMGA, Cáritas, Fundación Érguete, a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais, a Asociación de Empresas de Inserción de Galicia), a Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE); a Asociación de Empresarios de Mediana e Pequena Empresa(AEMPE) a Asociación Provincial de Autónomos de Pontevedra, a Asociación de Empresarias de Pontevedra, os sindicatos CC.OO e UXT e a Universidade de Vigo.

Creación de servizos de proximidade

Ó abeiro deste convenio organízanse os obradoiros de autoemprego e outras accións encamiñadas a promover, por medio da acción conxunta, o emprego nos diferentes concellos da provincia, con especial incidencia na creación de servizos de proximidade.

Neste sentido, todas as organizacións implicadas participan na planificación dos obradoiros e das actividades que se desenvolven nos diferentes municipios, co obxectivo de adecuar as mesmas á situación e ás necesidades concretas de cada área.

As persoas con inquedanzas emprendedoras que desexen participar neste segundo obradoiro que se vai desenvolver en Cambados poderán inscribirse en calquera dos concellos da Mancomunidade do Salnés, que son Vilagarcía de Arousa, Sanxenxo, Cambados, O Grove, Vilanova de Arousa, Meaño, Ribadumia, A Illa de Arousa e Meis.

21 de maio de 2014 | 19:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.