Brión destinará 156.000 euros do DTC93 ao mantemento de 41 pistas rurais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

O Concello de Brión destinará os 156.099,98 euros do plan DTC 93 da Deputación da Coruña a traballos de mantemento nun total de 41 pistas rurais nas nove parroquias do municipio. Uns traballos que teñen un prazo de execución de 6 meses e que mellorarán o estado dos 29 camiños de terra máis utilizados do municipio así como doutras doce pistas de asfalto, de comunicación entre os diversos núcleos.

As actuacións sobre pistas de asfalto mellorarán un total de 6,622 quilómetros lonxitudinais e unha superficie de 25.381 metros cadrados, onde se realizarán tarefas de bacheo e asfaltado superficial mediante rego asfáltico, ademais da limpeza das pistas e das cunetas. As pistas de asfalto sobre as que se actuarán están situadas nas parroquias de Viceso (3), Os Ánxeles (1) e Bastavales (8), que se atopan desgastadas polo uso e con fochancas.

Así, en Viceso arranxarase a pista interior da aldea de Vilar e a pista entre o atrio da igrexa de Santa María de Viceso ata a estrada Urdilde-Negreira, así como a pista que comunica as aldeas de Forxán e Salaño. Na parroquia dos Ánxeles, as actuacións centraranse na pista que une as aldeas de Pérros e de Gándara. Finalmente, na parroquia de Bastavales acometeranse 8 obras de menor lonxitude para mellorar os accesos á aldea de San Salvador, e as pistas que unen as aldeas de Coruxido-Osebe, Agra da Gándara-Cirro, Cirro-Outeiro dos Ánxeles, Soutullos-Vilas, Bemil-Osebe, Casaldoeiro-Osebe e Romarís-Coruxido.

Pistas de terra

Así mesmo, o Concello de Brión vai actuar sobre un total de 27 pistas de terra nas parroquias de Cornanda (6), Luaña (2), Viceso (13), Ons (3), Boullón (1), Os Ánxeles (1), Brión (2) e Bastavales (1). Nestes 23,6 quilómetros de pistas de terra vanse reparar as fochancas, con achega de material filtrante, cunha posterior compactación en zahorra, con limpeza de cunetas.

Na parroquia de Cornanda, actuarase sobre 2 pistas no entorno de Pedreira, sobre 2 pistas de monte que sae da aldea da Graña cara Vilariño, sobre a pista de Requeixos e sobre a pista de Queixal, que sae de Cornanda ata o límite con Noia. Na parroquia da Luaña actuarase sobre a pista de monte que sae de Amañecida en dirección a Busto de Frades e sobre outra pista en Vioxo de Arriba, concretamente a que sae da estrada Urdilde-Negreira ata Fadeira.

Na parroquia de Ons, melloraranse dúas pistas de terra na aldea de Salaño Grandes (a pista de Foltrán e a da Lavandeira), mentres que tamén se arranxarán dous tramos da pista de monte que une a estrada Mourentáns-Ons coa pista de Feiraco (Ames). Na parroquia dos Ánxeles arranxarase unha pista de terra que une as aldeas de Gosende e Gontade; mentres que en Boullón o arranxo será da pista de Abelleira, na aldea de Cantelar. En Bastavales arranxarase a pista de monte que sae da aldea de Coruxido ata o límite con Rois; mentres que en Brión actuarase sobre a pista da Restra (na aldea de Liñares) e na pista que une Torre e Montouto.

Finalmente, en Viceso centraranse gran parte dos arranxo, pois inclúe pequenas obras de mellora en 13 pistas de monte dunha lonxitude media de 500-600 metros. Gran parte destas actuacións terán lugar na aldea de Mourentáns, onde se arranxarán as pistas de Morazóns, de Meus, de Fonte Pedriña, de Ansede e das Cutaneiras, así como a pista de terra entre Agra de Eladio e a estrada Urdilde-Negreira. Na aldea de Pousada arranxaranse as dúas pistas que unen esta aldea con Vexo e con Nináns; mentres que na aldea de Vilar melloraranse as súas comunicacións con Vioxo. Por último, na aldea de Hombre actuarase sobre o camiño Ponte dos Carros; e na aldea de Viceso actuarase sobre tres pistas de terra: camiño do Sabuxo, Mucho Verde e a pista que sae das proximidades do instituto ata Mourentáns.

16 de maio de 2014 | 19:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.