Brión aforrará un 8,7% no consumo de gasóleo nos dous próximos anos
O Concello de Brión e a empresa Cepsa Comercial Noroeste veñen de formalizar o contrato para o subministro de gasóleo A para os vehículos e maquinarias municipais e de gasóleo C para calefacción de centros públicos municipais (centro de saúde, biblioteca, casa da cultura, escola de música e centro social polivalente) durante os dous próximos anos. Un acordo que permitirá un aforro do 8,7% no prezo final do gasóleo ao Concello de Brión.
No procedemento de licitación, Cepsa Comercial Noroeste ofertou un desconto do 8,3% no caso do gasóleo A e do 9,1% no caso do Gasóleo C. Isto supón que a media aritmética da baixa ofertada para cada unha das clases de gasóleo é do 8,7 %, que será a porcentaxe de desconto que se aplicará no contrato a ambas clases de gasóleo. De acordo cos datos de consumo de gasóleo dos anos 2012 e 2013, este acordo suporá para o Concello de Brión un aforro de máis de 8.500 euros anuais, fronte aos máis de 6.000 euros aforrados no bienio anterior.