Bravo Bosch reúnese cos alumnos da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraVigo
A-
A+
Bravo Bosh no encontro cos estudantes

Bravo Bosh no encontro cos estudantes

A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, xunto á decana da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, Ana María Pita Grandal, despediron esta mañá aos 22 alumnos e alumnas dos graos de Relacións Laborais e Recursos Humáns e do grao de Dereito da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo que veñen de rematar as súas prácticas formativas na sede da Administración autonómica na cidade olívica.

Froito da colaboración entre Xunta e Universidade, trátase do segundo ano consecutivo que se leva a cabo este convenio de cooperación educativa rubricado entre a Consellería de Traballo e Benestar e a Universidade de Vigo co obxectivo de que os alumnos e alumnas da facultade realizasen as súas prácticas académicas externas na Administración autonómica.

Coma explicou Bravo Bosch, o convenio foi prorrogado coma xa se contemplaba no primeiro documento firmado e, deste xeito, durante este curso académico 2013-2014, un total de 22 alumnos e alumnas de ambos graos -16 de Relacións Laborais e 6 de Dereito- realizaron as súas prácticas en 8 servizos do departamento territorial da Consellería de Traballo e Benestar do edificio administrativo da Xunta en Vigo co fin último de que adquiran experiencia e formación nos principais asuntos que xestiona cada servizo.

As prácticas formativas desenvolvéronse en dúas quendas (xaneiro-marzo/marzo-maio) e o horario destas procurou en todos os casos adaptarse aos horarios lectivos do alumnado e da Delegación Territorial da Xunta.

No período de realización das prácticas, os estudantes universitarios acadaron unha visión e coñecemento básico das principais funcións do traballo administrativo e de xestión no eido das competencias da Consellería de Traballo e Benestar en materias tan diversas como as xurídico-administrativas, xestión de persoal, xestión económica e orzamentaria, subvencións, prestacións, dereito de familia e menores, regulación de emprego ou dependencia, entre outras.

O obxecto do convenio foi articular a colaboración da Consellería que dirixe Beatriz Mato coa Universidade de Vigo na realización de prácticas académicas externas do seu alumnado, e sempre coa finalidade de facilitar a preparación para o exercizo profesional do estudantado en áreas operativas da empresa relacionadas coa súa formación universitaria e as posibles saídas profesionais relacionadas cos seus estudos cursados na Universidade de Vigo. En definitiva, tratouse de participar na promoción do desenvolvemento profesional e acceso ao mercado laboral das futuras persoas tituladas universitarias.

5 de maio de 2014 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.