Bolboreta Animación e San Sadurniño organizan un certame de relatos pola igualdade de xénero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Ata o 26 de maio poderán presentarse orixinais ao I Certame Galego das Artes pola Igualdade de Xénero, que nesta primeira edición está dedicado a Helena Villar Janeiro. A empresa Bolboreta S.C. -especializada en servizos de animación e para a infancia- organiza este concurso literario en colaboración con San Sadurniño e outros concellos. O certame fallarase o 12 de xuño e os premios entregaraos a propia Villar Janeiro o día 14 nun acto público que se celebrará no Pazo da Marquesa.

Todos os relatos que se presenten ao concurso deberán estar escritos en galego normativo, ser orixinais e ter unha extensión mínima dun folio e máxima de tres folios. Por suposto, o tema central deberá ser a igualdade entre mulleres e homes.

Hai tres categorías: infantil para participantes de 7 a 11 anos, xuvenil para quen teña entre 12 e 18 e, por último, categoría adulta para maiores de idade. En cada unha delas entregaranse dous premios, compostos po un diploma acreditativo, un dos libros escritos por Helena Villar Janeiro e unha cantidade en metálico. A contía vai desde os 75 euros do segundo premio en infantil ata os 180 do primeiro premio na categoría adulta.

Os textos admitiranse ata as 15 horas do 26 de maio e haberá que envialos por correo certificado á rúa Rita Rivera Chao nº 15- 4º, 15320, As Pontes. Os traballos terán que ir nun sobre xenérico co título da obra e a categoría. Dentro del haberá que meter outro sobre pechado cos datos persoais do autor ou autora.

O xurado estará formado por unha filóloga, unha educadora familiar e unha axente de igualdade. Desbotarán automaticamente calquera obra que estimen irreverente, que faga apoloxía de actos delitivos, que sexa soez ou que presente graves incorreccións gramaticais ou ortográficas. O resultado do certame decidirase o día 12 de xuño.

Os premios entregaranse o día 14 a partir das 12 nun acto que terá lugar no Pazo da Marquesa coa participación da escritora á que se lle dedica este primeiro certame de ámbito galego. Desde Bolboreta S.C. indican que será obrigatoria a presenza no acto das persoas gañadoras. Pode obterse máis información sobre o certame contactando coa empresa nos teléfonos 619816029 e 658065584, ou ben a través do correo bolboretaanimacion@outlook.es.

Na organización do certame colaboran, ademais de San Sadurniño, os concellos das Pontes, A Capela, Ribadeo, Xermade e Cospeito.

15 de maio de 2014 | 19:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.