BiPolar Fest converterase nun dous grandes eventos musicais de San Juan
A tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, acompañada polo coordinador do BiPolar Fest, Jacobo Paz, presentou esta mañá a segunda edición do festival, un dos grandes eventos das festas de San Juan e que se celebrará na cidade durante tres días: o 20, 21 e 22 de xuño. “O BiPolar naceu o ano pasado liderado por Jacobo Paz e dentro da aposta municipal pola nosa música e polos artistas locais”, explicou Fernández e engadiu: “Desde entón pasou tan só un ano pero este evento alcanzou unha madurez que nos levou a amplialo e tamén a ser máis ambiciosos”.
Neste sentido, a concelleira de Cultura destacou que se mantén intacta a filosofía de apoio aos músicos coruñeses aínda que, nesta ocasión, tamén se contará coa presenza de figuras de primeiro nivel como o grupo musical sevillano de música funk O´Funk´illo; ou Pol 3.14, un dos sons pop máis escoitados do momento. “Ademais, na xornada do domingo celebrarase unha gran homenaxe ao rei do Pop que incluirá, xa desde a mañá, sesión vermut, concurso e, finalmente a actuación do grupo Moonwalkers que pechará esta nova edición de BiPolar”, explicou Fernández, quen destacou o gran espectáculo musical e escénico que ofrecerá o grupo.
Como na edición anterior, este proxecto de fusión musical combinará pop, rap, rock, funk ou música de autor para chegar a todas as idades e a todas as culturas urbanas. Ademais, tamén repetirá formato e espazo dentro da aposta da Concellaría de Cultura por recuperar o parque de Santa Margarita como un dos grandes espazos culturais da cidade: “Non queremos perder o potencial destes grandes escenarios da cidade ao aire libre. Este pulmón verde ofrécenos infinidade de oportunidades e alternativas de lecer igual que outros espazos como os xardíns de Méndez Núñez ou as praias”, destacou Fernández.
O Festival celebrarase o fin de semana anterior a San Juan:
Venres, 20 de xuño. De 20.00 a 02.00 horas. Contará coa participación de Pol 3.14 (música pop); Jacobo Paz e Dous Mundos (rock coruñés); The Peixes (grupo coruñés de versións); Baldosa Amarela (rock alternativo vigués); Insolvens (pop rock da Coruña).
Sábado, 21 de xuño. De 20.00 a 02.00 horas. Contará coa participación de O´Funk´illo (grupo musical sevillano de música funk); Seissenseis (rap da Coruña); Kromon Gent (música alternativa); Riff Raff (banda de rock tributo a AC/DC de Ferrol); Al Vila (acústico); e a banda convidada Mr. Deegres, de Betanzos.
Domigo, 22 de xuño. De 12.00 a 14.00 horas, e de 17.30 a 23.00 horas. Gran homenaxe ao rei do pop con sesión vermut a cargo dos DJ´s de PazRecords, cunha selección orientada ao mundo musical de Michael Jackson. Pola tarde haberá un concurso temático e de noite a actuación do grupo Moonwalkers que dará peche a esta nova edición de BiPolar.
“Queremos consolidar esa marca da Coruña asociada á idea de música. Unha idea que trasladamos a todos os actos que se organizan desde o Concello e que vemos reflectida, por exemplo, noutro dos nosos grandes festivais: o Noroeste Pop Rock, que recuperou a súa esencia orixinal coa participación de grupos locais e bandas emerxentes galegas, converténdose nunha plataforma de promoción única na liña do BiPolar”, destacou a tenente de alcalde.
Ana Fernández reiterou a importancia da música na programación cultural deseñada pola Concellaría e lembrou que as festas de San Juan contarás, ademais de co Festival BiPolar, con grandes concertos nos grandes escenarios da cidade. Así, o 19 de xuño, a praza de María Pita acollerá a Los Secretos (22.00 horas); e o día 20 a Nacha Pop (22.00 horas), La Unión (23.15 horas) e Los Limones (00.30 horas). A noite de San Juan, a música trasládase ao Paseo de Riazor cun espectáculo conxunto de Alejo Stivel (21.30 horas), Seguridade Social (22.45 horas) e Danza Invisible (00.15 horas). “Ademais o Palacio da Ópera recibirá a estrea de Torre de Breoghán (21 de xuño ás 20.30 horas e 22 de xuño ás 12.00), un espectáculo da Orquestra Sinfónica de Galicia e Luar na Lubre que poderiamos definir como a primeira ópera folk da historia”, concluíu a concelleira.