Benestar e concello de Marín asinan un convenio para a construción da segunda Galiña Azul

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMarín
A-
A+
Beatriz Mato na sinatura do convenio coa alcaldesa de Marín. Foto: A. Varela

Beatriz Mato na sinatura do convenio coa alcaldesa de Marín. Foto: A. Varela

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e a alcaldesa de Marín, María Pilar Ramallo, asinaron un convenio para a construción da que será a segunda escola infantil da Rede A Galiña Azul na localidade, que contará con 41 prazas.

O futuro centro infantil duplicará a actual oferta de prazas da rede de escolas autonómica no Concello de Marín, onda xa está en funcionamento dende o ano 2010 outro centro 0-3 tamén de 41 prazas.

Segundo se recolle no convenio, a obra suporá un investimento de preto de 410.000 euros. Os terreos, que foron cedidos polo Concello para este proxecto, teñen unha superficie de 1.117 metros cadrados.

Tras a sinatura do convenio de construción, e unha vez que remate a redacción do proxecto da nova escola infantil, solicitarase a licencia municipal para as obras. Os traballos comezarán pola demolición nas vindeiras semanas dunha edificación existente na parcela cedida.

Esta iniciativa inscríbese na aposta do Goberno galego por fomentar a conciliación da vida laboral, persoal e familiar. De feito, a conciliación e a creación de prazas en escolas infantís é un dos eixos principais do Plan de dinamización demográfica, que Galicia puxo en marcha de xeito pioneiro co fin de facer fronte á caída da poboación que se vén rexistrando na comunidade autónoma.

Actualmente, a rede A Galiña azul oferta preto de 8.600 prazas públicas neste curso en toda Galicia, distribuídas nun total de 147 centros, unha cifra que supón máis de 3.100 prazas que as que existían en abril de 2009 (un aumento do 58 por cento).

27 de maio de 2014 | 18:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.