Belén do Campo expresa o seu apoio ao labor da Asociación Galega de Lupus

Belén do Campo na visita á mesa informativa sobre o ‘lupus’
A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou hoxe na Coruña a mesa informativa da Asociación Galega de Lupus instalada no edificio administrativo do Goberno galego en Monelos con motivo do día mundial desta doenza, que se conmemora mañá.
A máxima representante do Executivo autonómico na Coruña trasladou aos representantes da entidade que preside Pilar Pazos o apoio ao seu labor e aproveitou para facer un recoñecemento ao grande esforzo feito polos familiares destes pacientes e polos profesionais da asociación na que se integran, “cos que é necesario traballar e colaborar”.
Con motivo dos actos vinculados ao Día Mundial do Lupus, a entidade manterá ao longo do día de hoxe e de mañá varias mesas informativas nas rúas da Coruña, a través das que tamén se tratará de recadar fondos que lle permitan continuar coas actividades que ven a desenvolver a asociación, así como abordar novos proxectos. Entre os servizos que presta a organización atópase o apoio e tratamento psicolóxico a enfermos e familiares, a intervención social, accións sanitarias ou a promoción da investigación, entre outros.











