Beatriz Mato clausura o obradoiro de emprego de Oleiros no que se investiron 200.000 euros

Beatriz Mato na entrega de diplomas en Oleiros
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, participou hoxe en Oleiros na entrega de diplomas aos 22 participantes do obradoiro de emprego que se desenvolveu no concello.
O Goberno galego investiu un total 200.000 euros nesta iniciativa, que permitiu aos beneficiarios formarse nas especialidades de carpintería e moble, fontaneiro, e colocación de prefabricados lixeiros.
A conselleira destacou que os participantes contan xa cun certificado de profesionalidade de validez en todo o territorio nacional, “o que vai enriquecer moi significativamente o currículum” destas persoas. Deste xeito, cúmprese co obxectivo principal destas iniciativas mixtas de formación e emprego que é “incrementar as oportunidades de acceso ao mercado laboral”.
Tendo en conta a importancia que teñen os obradoiros na formación teórico e práctica, así como na mellora da empregabilidade, a Xunta ten posto en marcha un total de 50 iniciativas destas características ao longo de toda Galicia durante o último ano. O investimento total para estes programas ascendeu a 9,5 millóns de euros e beneficiou a un total de 1.300 galegos e galegas. Deste total, na provincia da Coruña financiáronse un total de 17 obradoiros, con 370 alumnos, e un investimento de 3,3 millóns de euros.
Este esforzo “vaise renovar”, subliñou Mato, de xeito que no segundo semestre poranse en marcha 50 novos obradoiros en toda a comunidade, nos que se investirán máis de 10 millóns de euros.
Centro sociocomunitario
Na visita que a conselleira de Traballo e Benestar realizou a Oleiros, confirmou, tal e como lle asegurou o alcalde, que o centro sociocomunitario de Mera abrirá as súas portas o próximo día 5 de xuño.
O departamento autonómico reformou, acondicionou e equipou a Casa do Mar de Mera grazas a un investimento de 250.000 euros. O obxectivo deste esforzo é conseguir que os veciños e veciñas de Oleiros “poidan contar con novos servizos aos maiores”.
En concreto, este tipo de infraestruturas fomentan o “envellecemento activo”, xa que “apostan pola actividade, a autonomía persoal, o desenvolvemento de novas habilidades e o lecer”.
Coa apertura deste centro, a rede de centros sociocomunitarios da Consellería pasa a contar cun total de 45 instalacións, das que 13 están situadas na provincia da Coruña. Ao longo de 2013, nesta rede realizáronse 800 actividades, que contaron con máis de 36.000 beneficiarios.











