Axudas para traballadores que se acollan á redución de xornada por motivos de conciliación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Área de Igualdade informa das axudas económicas que ofrece a Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia co obxectivo de fomentar a corresponsabilidade para traballadores e traballadoras que soliciten unha redución de xornada por motivos de conciliación da vida laboral e familiar. Os interesados dispoñen de prazo ata o 21 de xuño para solicitar a concesión destas compensacións.

A convocatoria realizada pola secretaría xeral da Igualdade publicouse no DOG o 20 de maio e nesta resolución figuran as bases e requisitos que regularán a concesión das axudas. Poderán beneficiarse das mesmas os homes traballadores por conta allea que se acollan á redución de xornada. Asemade tamén poderán ser beneficiarias as familias monoparentais nas que a persoa solicitante, home ou muller, sexa traballador/a por conta allea e se acolla á redución de xornada.
Segundo artigo 13 da Lei 3/2011 do 30 de xuño enténdese por familia monoparental aquela composta por un único proxenitor ou proxenitora na que os fillos/as menores estean ao seu cargo.

No caso de traballadores, as axudas poderán ser concedidas a aqueles que tiveran unha situación de redución de xornada entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2013, para o coidado de menores de tres anos. Nestes casos a situación de redución de xornada deberase manter un mínimo de 60 días naturais ininterrompidos. 

Para as familias monoparentais, poderanse subvencionar calquera período, sempre que un deles sexa de 60 días continuados.

O período máximo subvencionable é de oito meses en ambos supostos.
As contías das axudas varían segundo a porcentaxe de redución da xornada laboral, da súa duración e do número de fillas/os a cargo.

Para maior información poden dirixirse directamente a Área de Igualdade ou chamar ao tfno. 986099200 ext. 109, 103, ou 102.

28 de maio de 2014 | 11:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.