Autorízase a planta de gas natural que dará cobertura á poboación e ás empresas do Grove
A Consellería de Economía e Industria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a aprobación do proxecto de construción da planta satélite que permitirá subministrar gas natural ao Grove. A construción desta infraestrutura, que conectará coa rede de distribución do concello, xa construída, permitirá o acceso ao gas a máis de 11.000 habitantes.
O proxecto suporá un investimento próximo aos 300.000 euros, e será desenvolvido pola empresa Gas Galicia SDG. Así mesmo, outorgará un importante beneficio ás empresas da comarca ao facilitar o acceso ao gas natural, contribuíndo á mellora da súa competitividade.
Deste xeito, o Goberno galego continúa co desenvolvemento dunha política enerxética na que a gasificación da Comunidade se considera prioritaria para avanzar na mellora da calidade de vida da cidadanía e no incremento da competitividade do tecido empresarial galego.
Neste sentido, e no marco da planificación enerxética, o Goberno galego traballa na creación dunha infraestrutura de transporte e distribución de gas que ten facilitado, nos últimos catro anos, unha mobilización de máis de 90 millóns de euros para potenciar investimentos que incrementen a penetración de gas natural. Grazas a ilo, Galicia conta nestes momentos cunha rede de distribución que supera os 2.500 quilómetros.
A finais do 2014, 76 municipios, máis do 65% da poboación galega, terán xa acceso ao gas natural, o que supón máis de 242.500 vivendas con subministración, preto de 36.300 vivendas máis que en 2009. Neste eido, o obxectivo do Goberno galego para os vindeiros anos é incrementar esta cifra dando acceso ao gas natural ao 75% da poboación de Galicia.











