publicidade hoxe

Autorízanse as obras de rehabilitación do santuario da Virxe da Barca, en Muxía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMuxía
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de trasladar a autorización para as obras de rehabilitación do Santuario da Virxe da Barca, no Concello de Muxía, despois de que no mes de decembro se rexistrara un incendio na sancristía da igrexa. A Xunta de Galicia resolveu o outorgamento da autorización solicitada polo Arcebispado de Santiago de Compostela nun prazo de 15 días.

Na igrexa realizarase unha nova cuberta da nave principal e cruceiros, unha vez reparadas as bóvedas afectadas polo incendio. A nave principal leva unha cuberta con estrutura de madeira a dúas augas e rematada con lousa, e a parte da sancristía igual pero a tres augas. Construirase tamén un forxado intermedio de madeira na zona da sancristía, así como limparase e repararanse todos os paramentos verticais de cachotería e os horizontais con madeira e pedra na sancristía e nos teitos con morteiro de cal.

Interiormente os muros remataranse con morteiro de cal como estaban anteriormente, incluso na parte traseira do retablo principal. Tamén se fará a restauración total da tribuna con reposición do entaboado do pavimento e limpeza do resto, e repararase o comulgatorio e o pavimento de mármore do presbiterio.

A carpintería das fiestras de bronce se restaurarán deixando ventilación natural, o resto da carpintería será de madeira pintada. A rehabilitación deberá respectar o volume edificable preexistente e a composición volumétrica orixinal, sen supoñer aumento de volume respecto ao estado anterior.

O Santuario da Virxe da Barca é un ben recollido no Inventario do Patrimonio Arquitectónico do Ministerio de Educación Cultura e Deporte, e declarado de interese Nacional; en virtude da Lei 8/1995 de 30 de outubro, de Patrimonio Cultural da Comunidade Autónoma de Galicia, e tamén está incorporado ao Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia.

7 de maio de 2014 | 18:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.