publicidade hoxe

Autorizada a construción de dúas pozas en Caldas de Reis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCaldas de ReisLocal Portada
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ven de autorizar, a través de Augas de Galicia, a construción de 2 pozas na zona de policía do río Umia, ao seu paso polo Concello de Caldas de Reis.

Coa emisión desta resolución o municipio pontevedrés terá que iniciar as obras no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da recepción da autorización, e deberán estar rematadas nun ano, xa que finalizado este tempo a autorización quedará sen valor.

Os traballos hidráulicos trazados polo concello de Caldas de Reis consisten na construción de dúas pozas dun diámetro de 5 metros e unha profundidade de 80 centímetros, máis a construción dunha sala de instalación de planta baixa e a canalizacións de augas desde o lavadoiro existente e tubetaxes de saída ao saneamento municipal na zona do río Umia, (máis concretamente á finca Tafona).

Puntos a seguir

Para cumprir a normativa vixente recollida no Plan Hidrolóxico de Galicia Costa, a autorización sinala que durante o desenvolvemento das obras manterase permanentemente expedita a zona de servidume de paso duns 5 metros de ancho, e prohibe utilizar as marxes fluviais e ribeiras como lugares para o depósito de materiais, maquinaria e todas aquelas actividades que supoñan un risco de contaminación de augas. Ademais, búscase evitar o impacto no río prohibindo verter no seu leito restos de formigón ou cemento, ou lavar materiais ou ferramentas que estiveran en contacto con eles, así como cambiar o aceite da maquinaria de construción.

Así mesmo, e desde un punto de vista técnico, os traballos estarán supervisados por un técnico competente, que comprobará a correcta adecuación das actuacións aos usos establecidos.

Unha vez rematadas as obras a administración local deberá comunicarllo a Augas de Galicia para facer un recoñecemento final.

2 de maio de 2014 | 12:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.