Augas de Galicia licita as obras de construción da nova depuradora de Tállara por 623.000 euros
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través de Augas de Galicia, licita por 623.000 euros as obra de saneamento e depuración no lugar de Tállara, no Concello de Lousame. Esta actuación conta cun prazo de execución 20 meses, de oito meses dende que empecen as obras e 12 meses de explotación en fase de probas por parte da empresa, antes da súa entrega ao concello.
As empresas interesadas en presentar as súas ofertas a este contrato de obra pública dispoñen ata o 23 de xuño para a formalización da mesma.
O proxecto define e valora as actuacións necesarias para a construción dunha nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) neste municipio con capacidade para prestar servizo a 800 habitantes. Proxéctase tamén a demolición da depuradora actual e a execución dun colector que levará as augas residuais de Tállara á nova EDAR.
A nova infraestrutura contará con liña de auga que constará de debaste groxo e fino, tratamento primario, bombeo de paso a tratamento secundario, biolóxico de leito bacteriano e dixestor anaeróbico con recirculación a bombeo. Moverá un caudal medio de 2,2 litros/segundo e un máximo de 5,27 l/s. A liña de lodos consistirá no espesamento por gravidade. A vertedura da auga depurada farase ao río Tállara, que desemboca ao fondo da ría de Noia, polo a súa mellora ambiental repercutirá positivamente no estado ecolóxico da ría.
Actualmente, a EDAR de Tállara, executada a principios dos anos 90, está obsoleta e non chega a cubrir as necesidades actuais, co que a vertedura ten un impacto significativo na calidade da auga do río.
Antecedentes
Esta obra está declarada de interese da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 28 da Lei 9/2000, do 4 de novembro de augas de Galicia, posto que as ditas actuacións están recollidas no Plan hidrolóxico Galicia-Costa.
O proxecto foi elaborado pola Administración hidráulica de Galicia e foi supervisado pola Área de Programación e Seguimento de Augas de Galicia, no que se reflicten, entre outros aspectos, a xustificación da necesidade de actuación e as características da obra.
Estas accións que se van levar a cabo non necesitaron someter o proxecto a tramitación ambiental. Pola súa banda, o Concello de Lousame ten que aprobar o proxecto; achegar os terreos e a auga necesarios para levar a cabo as obras; e, tamén, deberá asumir a explotación, mantemento e conservación das obras, ademais de efectuar os traballos ordenados pola inspección facultativa despois da súa execución.
O documento xa foi exposto ao trámite de información pública durante un prazo de 30 días e nese tempo non se recibiron alegacións ou reclamacións ao proxecto. Ademais, o documento é compatible co planeamento urbanístico vixente.











