Asínase o contrato que dá continuidade ao seguro de accidentes dos deportistas de 6 a 16 anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+
Sinatura do contrato. Foto: C. Paz

Sinatura do contrato. Foto: C. Paz

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e o presidente da Federación Galega de Fútbol, José García Liñares, formalizaron hoxe un novo contrato de seguro de accidentes deportivos para os nenos e nenas de 6 a 16 anos con licenza da federación.

Tal e como explicou Lete Lasa durante o acto de sinatura, esta nova póliza, vixente no segundo semestre do presente ano -do 30 de xuño ata o 14 de decembro-, garante a continuidade da cobertura da póliza actual, que abrangue o primeiro semestre completo.

Deste modo a Secretaría Xeral para o Deporte dá cumprimento ao seu compromiso coa Federación Galega de Fútbol, recollido no convenio de colaboración asinado para o 2014 e que recolle unha partida de 493.000 euros para o financiamento íntegro do seguro de accidentes dos deportistas máis novos, o que na actualidade beneficia máis de 33.000 rapaces. A dita contía está formada polos 300.000 euros destinados á prima de seguro do primeiro semestre e os 180.456 euros acordados para a prima do segundo tramo do ano, sendo este último importe o recollido no contrato de hoxe.

Lete Lasa lembrou que “a Xunta de Galicia na súa política deportiva vén apoiando a práctica do fútbol nas idades mais temperás a través do programa Xogade de fomento da actividade deportiva en idade escolar, que inclúe o financiamento do seguro deportivo gratuíto para as actividades deste programa e para todos os nenos e nenas federados en calquera modalidade deportiva”. Engadiu que “esta medida que puxemos en marcha na tempada 2010-2011, está contribuíndo, ao igual que no resto dos deportes federados, ao aumento de rapaces que practican o fútbol e participan na competición en Galicia”.

O secretario xeral subliñou o importante esforzo orzamentario que fai a Xunta de Galicia para manter o seguro deportivo 6/16, do que se benefician máis de 100.000 rapaces ao ano e que responde á política da Secretaría Xeral para o Deporte de potenciar a actividade por enriba do investimento en novas infraestruturas, nun contexto económico no que é necesario elixir e priorizar. Lete Lasa enmarcou este esforzo “na aposta firme da Xunta polo fomento da actividade física en toda a poboación, a través do Plan Galicia Saudable, e moi especialmente nas xeracións do futuro”.

Finalmente, o titular de Deportes da Xunta explicou que para o vindeiro ano está previsto unir baixo un mesmo contrato a prestación do seguro de accidentes 6/16 para todas as modalidades deportivas, que estará vixente do 15 de decembro de 2014 ao 14 de decembro do 2015, e que con este fin estase xa a tramitar o correspondente concurso público.

26 de maio de 2014 | 12:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.