Asínase a acta de replanteo da mellora da estrada que comunica a AC-400 con O Refoxo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, e os representantes da dirección de obra e da empresa contratista asinaron hoxe no lugar de Mantiñán a acta de replanteo da obra de mellora da vía municipal que comunica varias núcleos da parroquia de Soandres coa estrada AC-400. Unha vez realizado este trámite, as actuacións previstas comezarán a executarse nos primeiros días da próxima semana, probablemente o martes.

En concreto, a actuación consiste na completa renovación da estrada municipal que parte da AC-400 e discorre polos núcleos de Pereiro, Mantiñán e O Refoxo. O proxecto contempla a nova pavimentación desta vía nunha distancia próxima aos dous quilómetros coa calidade do aglomerado asfáltico en quente e a correspondente sinalización horizontal e vertical, mellorándose, así, a seguridade viaria en toda a súa lonxitude.

A obra está incluída no Programa de mellora de camiños de titularidade municipal 2013-2014 que promove a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) no marco do plan PDR Galicia 2007-2013 e que conta co financiamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

O proxecto está valorado en máis de 91.000 euros. A contía económica outorgada ao Concello da Laracha ao abeiro do citado programa de Agader ascende a 75.000 euros, polo que a achega a cubrir con fondos propios municipais será superior aos 16.000 euros.

O proxecto deseñado polo goberno local da Laracha mellorará as comunicacións rodadas na zona surleste do Concello, facilitando os accesos cara os citados núcleos rurais da parroquia e Soandres.

16 de maio de 2014 | 20:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.