Asime presenta o primeiro curso de iniciación á tecnoloxía eólica Off-shore

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Vigo ▼
A-
A+

A Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (ASIME) presentou hoxe, na súa sede de Vigo, a primeira edición do “Curso de Iniciación á Tecnoloxía Eólica Off-shore”, que deu comezo na tarde de hoxe coa finalidade de formar e especializar nesta actividade a un grupo de 22 profesionais pertencentes a diferentes empresas pertencentes ao sector metalúrxico.

Neste acto de Inauguración, que contou coa presenza de representantes do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), dáse comezo a un completo curso destinado á formación dos técnicos no campo da eólica offshore, a través do cal se pretende reforzar e aumentar paulatinamente a presenza das empresas galegas neste importantísimo nicho de mercado.

“Como todos sabemos, segundo as previsións da Asociación Empresarial Europea de Enerxía Eólica (EWEA), á que ASIME pertence, en 2020 a Unión Europea terá 40.000 megawatts eólicos mariños instalados e para iso fará falta un investimento duns 140.000 millóns de euros e unha creación de máis de 62.000 postos de traballo para 2015 e máis de 145.000 para 2020”, remarcaba Enrique M. Mallón, Secretario Xeral de ASIME.

Para esta primeira edición do curso, conseguiuse implicar dentro do programa docente do mesmo, aos principais expertos da eólica offshore presentes en Galicia, en España ou países estranxeiros como o Reino Unido, entre os que se atopan especialistas de importantes enxeñarías do sector ou persoal de multinacionais como Iberdrola, Endesa ou Acciona, entre outras.

No deseño do programa do curso, que ten unha duración de 60 horas, pretendeuse desde o primeiro momento dotar aos alumnos  dos coñecementos necesarios para poder iniciar a actividade profesional no sector eólico off-shore, permitindo deste xeito que poidan aplicar os coñecementos adquiridos nas súas empresas e actividades de orixe, o cal se espera que derive nunha diversificación cara a esta actividade de moitas das empresas que na actualidade traballan noutras actividades industriais cun caracter menos innovador e tecnolóxico.

“En Galicia contamos cunha industria con máis de 100 anos de experiencia no naval e con máis de 20 na eólica onshore, con pequenas adaptacións na formación e coñecementos dos técnicos das nosas empresas, podemos aproveitar todo o potencial do que dispomos para entrar de pleno na eólica offshore”, sinalaba Pedro Pérez Gabriel, Director Xeral de Instra Enxeñaría e Director docente do curso.

Norberto Penedo, Director da área de competitividade do IGAPE, destacou a importancia de promocionar esta nova área de negocio polas potencialidades da Industria galega e manifestou o respaldo do IGAPE ás iniciativas relacionadas con este ámbito de negocio.

A Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (ASIME) leva tempo impulsando esta importante actividade a través de numerosas actividades como a celebración da “I Conferencia Internacional de Enerxía Offshore” na que estiveron presentes especialistas de todo o mundo, a creación do “Galician Offshore Energy Group (GOE)” co fin de promocionar internacionalmente ás empresas galegas con potencial nesta área ou a participación desde hai varios anos nas principais feiras internacionais que se celebran neste campo.

 

8 de maio de 2014 | 19:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.