As xornadas de promoción do ciclismo junior clausúranse no centro Casa de la Virgen

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+
Clausura de "La Vuelta Junior"

Clausura de “La Vuelta Junior”

Despois de dous meses de intensa actividade as xornadas de ciclismo de “La Vuelta Junior” chegaron ao seu fin esta mañá no centro escolar Casa de la Virgen, onde os alumnos e alumnas de segundo e terceiro ciclo de primaria puideron aprender un pouco máis sobre este deporte da man de auténticos expertos.

O concelleiro de Deportes Francisco J. Soliño non se quixo perder esta última xornada ciclista que, a pesar do mal tempo, foi todo un éxito entre os nenos e nenas do centro.

Esta parte do programa “La Vuelta Júnior” denominado “Aula de ciclismo” permitiu aos máis pequenos recibir unha serie de nocións teóricas básicas sobre este deporte e poñelas en práctica nos patios dos colexios percorrendo diferentes circuítos nas bicicletas.

A outra parte desta actividade terá lugar o día 12 de setembro tres horas antes de que remate a etapa de “La vuelta ciclista a España 2014” en Cangas. Consistirá no percorrido dos dous últimos quilómetros da etapa por parte de máis dun centenar de cativos do concello que serán seleccionados entre os participantes das “Aulas de Ciclismo”.

A carreira estará dividida en categorías segundo os distintos cursos e os gañadores

subirán ao podio ao que subirán despois o vencedor da etapa e o líder da carreira profesional. Ademais, todos os participante recibirán un agasallo de recordo e as familias contarán cunha zona especial na que gozar do evento deportivo.

Esta actividade está promovida pola Fundación Deporte Joven, o Consejo Superior de Deportes(CSD) e a empresa organizadora da “Vuelta Ciclista a España” Unipublic e en colaboración coa Asociación de Ciclistas Profesionales (ACP) baixo o patrocinio de Cofidis.

O obxectivo desta iniciativa é promocionar o ciclismo en todos aqueles municipios nos que terá chegada algunha das etapas da Volta Ciclista a España 2014.

28 de maio de 2014 | 18:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.