As rutas gratuítas no galeón Illa de Cortegada regresarán no mes de xuño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Concellería de Medio Ambiente colabora un ano máis coa asociación Rompetimóns para ofertar aos veciños a posibilidade de coñecer a Ría e o Parque Nacional das Illas Atlánticas navegando a vela nun galeón tradicional. Para iso, durante o mes de xuño organizaranse cinco travesías a bordo da embarcación recuperada polo colectivo de Carril. As excursións son de balde e os interesados poderán inscribirse os días 2 e 3 de xuño para participar no sorteo no que se adxudicarán as prazas.

O Concello optou este ano polo sistema do sorteo para que todos os interesados gocen das mesmas oportunidades de poder participar nas travesías, debido ao limitado aforo da embarcación e ao elevado interese da xente en participar nesta actividade. Tamén co obxectivo de que o maior número de persoas poida tomar parte na experiencia, terán preferencia aquelas que non teñan participado en edicións anteriores.

As travesías a bordo do galeón Illa de Cortegada realizaranse en fins de semana, (sábados ou domingos) e o horario depende das mareas. Haberá dúas excursións o sábado 7 de xuño, con saídas ás 10 e 12:15 horas. O domingo 8 de xuño, o barco zarpará ás 11:30 horas. O domingo 15 de xuño o galeón soltará amarras ás 17:30 horas e o domingo 28 de xuño ás 16:30 horas. As singraduras terán unha duración aproximada de dúas horas. A Concellería de Medio Ambiente teñen previsto realizar máis travesías en xullo e agosto, aínda que os calendarios están sen pechar.

O galeón “Illa de Cortegada” foi recuperado pola Asociación Rompetimóns, do Carril, co patrocinio da Concellería de Medio Ambiente do Concello de Vilagarcía xa hai una anos. Dende a botadura da embarcación tradicional, o Concello organiza cada verán travesías gratuítas no galeón cun dobre obxectivo: Por un lado o de dar a coñecer o Parque Nacional das Illas Atlánticas, con especial atención á illa de Cortegada; e por outro o de promocionar unha parte da etnografía local ofrecendo a posibilidade de que os os vilagarciáns coñezan un tipo de embarcación tradicional moi común na Ría hai décadas e poidan ter a experiencia de navegar a vela nun deles.

Inscrición e procedemento de sorteo

As persoas que desexen participar nesta actividade deben inscribirse na Concellería de Medio Ambiente, ben acudindo directamente á dependencia sita no entrechán do Concello ou remitindo o formulario ao correo electrónico bmalvar@vilagarcia.es. O formulario tamén se pode obter a través do taboleiro de anunicios da web municipal.

As inscricións poderán realizarse o luns 2 e o martes 3 de xuño tanto para as travesías de xuño como para as do resto do verán, xa que se creará unha lista de agarda para realizar os correspondentes sorteos. O número máximo de persoas que pode anotar un mesmo solicitante é de 4.

Unha vez presentado o formulario de inscrición, entregaráselle ao interesado un resgardo no que figurará un número de orde para o sorteo que se efectuará mediante unha aplicación informática que permite obter o número de corte de forma aleatoria.

Os agraciados serán avisados por teléfono a efectos de confirmar a asistencia. De non producirse e a confirmación, recorrerase á lista de agarda.

30 de maio de 2014 | 19:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.