As pistas de Balaídos serán escenario de 5 probas das Series Municipais de Atletismo
O Concello de Vigo coopera, un ano máis, coa organización das Series municipais de Atletismo, que se veñen desenvolvendo dende o ano 1983 na nosa cidade. As pistas de Balaídos acollerán un total de 5 probas esta tempada de verán de diferentes modalidades e categorías.
O concelleiro de deportes Manel Fernández, presentou esta mañá as Series Municipais de Atletismo, que un ano máis, e dende o ano 1983, se veñen celebrando na cidade olívica grazas ás achegas do Concello de Vigo, en colaboración cos clubs de atletismo da cidade, e a delegación viguesa da Federación Galega de Atletismo. Serán un total de 5 probas, a primeira delas terá lugar hoxe, 7 de maio, e as seguintes celebraranse o días 21 de maio, 11 e 25 de xuño e 9 de xullo.
Estas series, que naceron para promoción do atletismo, e para dar cabida a atletas que non tiñan oportunidade de competir a alto nivel, veñen de converterse nunhas probas de referencia para o resto de Galicia e norte de Portugal. Agárdase que máis de 700 deportistas, das distintas categorías e modalidades participen das series municipais, que terán unha duración estimada de dúas horas e media, e que comprenden carreiras dende os 60 metros ata 60 metros valla, e outras modalidades como salto de altura ou lanzamento de martillo.
Manel Fernández reiterou o compromiso e apoio ao atletismo por parte do Concello de Vigo, algo que valoran positivamente os atletas e clubes, xa que en palabras de Javier Álvarez Salgado, delegado da F.G.A, “hai poucos sitios en Galicia onde se podan facer probas deste tipo, xa que os clubes non teñen medios económicos”.











