As Medallas ó Mérito de Mos recaen en AECC Mos, Pili Carrera, a Rondalla de Santa Eulalia de Mos e o Club de Natación Mos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

O Pleno da Corporación Municipal mosense aprobou onte pola tarde a concesión de Medallas ó Mérito do Concello de Mos que bianualmente se outorgan con motivo das Festas da Rosa.

Este ano o acto de entrega de Medallas celebrarase o día 15 de xuño ás 20.00 horas no novo auditorio de Torroso e os galardoados serán a Asociación Española contra o Cancro de Mos coa Medalla ó Mérito Social, a empresa Pili Carrera S.A. coa Medalla ó Mérito Empresarial, a Rondalla Santa Eulalia de Mos coa Medalla ó Mérito Cultural e o Club de Natación Mos coa Medalla ó Mérito Deportivo. Ademais dos galardoados, a alcaldesa, Nidia Arévalo, a concelleira de Cultura mosense, Sara Cebreiro, e o resto dos membros da Corporación Municipal, asistirán á gala de entrega outras autoridades tanto provinciais coma autonómicas.

Ademais na presente edición da entrega de Medallas ó Mérito do Concello de Mos condecorarase, con cadansúa Distinción Honorífica, a tres insignes veciños mosenses pola súa traxectoria en sendas agrupacións municipais. Trátase de María Carrera Rodríguez, ex presidenta e membro fundador da Asociación de Diminuídos Físicos e Psíquicos de Mos –ASODIFISI-, María Morgadas Morgadas, ex presidenta da Asociación Española cotra o Cancro de Mos e Ramón Dóniz González, ex presidente do Club Louro Tameiga.

Sobre estas insignias que se repartirán o domingo 15 de xuño, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, explicou hoxe que “a Medalla do Concello de Mos é unha recompensa municipal creada para premiar méritos extraordinarios que concorran en personalidades, entidades ou corporacións por terlle prestado servizos ou dispensado honras a este municipio”.

A obtención por parte da Asociación Española contra o Cancro de Mos da Medalla ó Mérito Social do Concello de Mos 2014 ven motivada por unha longa traxectoria de apoio e acompañamento ós enfermos e familiares mosenses a través de programas específicos de axuda, atención psico-social, axudas económicas, estancias terapéuticas e inserción laboral; entre outras moitas iniciativas de sensibilización e prevención do cancro.

A obtención por parte de Pili Carrera da Medalla ó Mérito Empresarial busca recoñecer a memorable traxectoria de 50 anos da empresa. Medio século, cumprido o pasado ano 2013, de éxitos industriais no sector textil. O 2013 foi sen dúbida o ano desta empresa, pois foi entón cando Pili Carrera tivo honra de vestir ás infantas holandesas nos actos de investidura e coroación do seu pai, o rei Guillermo Alejandro de Holanda.

A imposición da Medalla ó Mérito Cultural do Concello de Mos 2014 á Rondalla Santa Eulalia de Mos pretende fomentar que a longa tradición de rondallas no municipio mosense non se perda e que entidades como esta continúen a velar pola súa continuidade no tempo. Con este recoñecemento búscase recompensar os máis de 30 anos de andaina desta agrupación musical, que ten xa no seu haber diversos premios de importantes certames de rondallas.

A Medalla ó Mérito Deportivo do Concello de Mos ven a recompensar e agradecer o labor do grupo de pais e nais que, fai xa máis dunha década, fundaron o Club de Natación Mos coa inquietude de promover a natación no Concello de Mos. O Club conta entre os seus nadadores coa Campiona Galega na especialidade dos 400 metros estilos, Alicia Davila.

Distincións Honoríficas

María Carrera Rodríguez recibirá a Distinción Honorífica polo seu labor como fundadora da Asociación de Diminuídos Físicos e Psíquicos de Mos, ASODIFISI, e pola súa traxectoria de 13 anos na presidencia da asociación. Este merecido galardón pretende recompensar o seu traballo á fronte desta asociación á que lle deu a vida e a botou a andar con todo o seu esforzo facéndoa chegar a ser unha agrupación emblemática en Mos e de referencia en todo o Val da Louriña.

María Morgadas Morgadas será distinguida polo seu labor de tantos anos na presidencia da Asociación Española contra o Cancro de Mos na que depositou toda a súa ilusión e o seu empeño; e pola que traballou coa máxima adicación durante tantos anos desinteresadamente e con gran implicación persoal, o que a converteu nun referente desta agrupación mosense ó longo da súa historia.

Por último, Ramón Dóniz González será tamén galardoado cunha Distinción Honorífica do Concello de Mos polo seu labor como presidente do Club Louro Tameiga e pola súa traxectoria de máis de 20 anos na presidencia deste club de fútbol que estes días é motivo de orgullo para o Concello de Mos por ter ascendido de categoría a Primeira Rexional. Ademais, esta distinción pretende ser unha recompensa polo seu traballo á fronte deste club ó que lle adicou gran parte da súa vida e moitas horas de esforzo para inclulcar nos futbolistas, dende as idades máis temperás, valores coma o compañeirismo, os hábitos de vida saudables, o traballo en equipo e o xogo limpo.

30 de maio de 2014 | 19:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.