As Letras Galegas celébranse en Mos cun concerto e unha actividade familiar
A concelleira de Cultura mosense, Sara Cebreiro, presentou hoxe oficialmente a programación do Concello de Mos con motivo do Día das Letras Galegas, que xa dera comezo a semana pasada cun obradoiro infantil celebrado na Biblioteca Municipal o sábado 10 de maio.
O programa de actos continuará co festexo do propio Día das Letras Galegas, o sábado 17 de maio, que terá lugar no Pazo dos Marqueses de Mos a partir das 12.00 horas do mediodía e consistirá nun concerto do Cuarteto Caramuxo seguido pola declamación de poemas do autor homenaxeado este ano, Xosé María Díaz Castro, a cargo da poetisa mosense por antonomasia, María Magdalena.
Cuarteto Caramuxo
O Cuarteto Caramuxo é unha formación musical na que se inclúen clarinetes, percusión e acordeón que ofrecerán un repertorio de carácter popular e comprometido coa cultura galega, que ensalzan coa súa reinterpretación da música tradicional galega tomando como base melodías recollidas nos cancioneiros populares e algunhas composicións de autores contemporáneos de Galicia feitas expresamente para o grupo. Así e todo, Caramuxo non renuncia ás intrerpretacións doutras melodías, ben sexa doutras culturas, do jazz ou da música pop, sempre adaptadas ao seu discurso musical.
O seu concerto do sábado estará acompañado dun aire festivo que contaxia ao público e que intensifica o seu valor cunha coidada posta en escea que tende máis cara a un espectáculo teatral que cara a un concerto entendido ao xeito tradicional. Como resumo pode dicirse que as claves da singularidade do Cuarteto Caramuxo residen en dous feitos fundamentais: por unha banda, a instrumentación e, pola outra, os arranxos.
A programación con motivo das Letras Galegas pecharase o domingo 18 de maio ás 18.00 horas no auditorio do centro Multiusos das Pozas cunha actividade incluída no Programa Ocio en Familia, promovido pola concellería de Participación Cidadá que dirixe a edil Kely Monzón. O espectáculo, que se poderá contemplar o vindeiro domingo no Multiusos, leva por título ‘Casal em Risco’ e será interpretado pola Compañía Asacocirco.
Os destinatarios desta actividade de Ocio en Familia son os membros das unidades familiares do municipio de Mos con nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Este espectáculo en formato teatral con notas circenses, seguirá unha metodoloxía dinámica e participativa na cal, a través da súa posta en escea, o público fará as veces de protagonista. ‘Casal em Risco’ é un espectáculo teatral que combina o humor co mundo do circo. Trátase de unha actuación teatral a través da cal os/as espectadores/as poderán divertirse coa destreza dos seus dous protagonistas que desempeñarán ao longo da súa representación diversas habilidades de malabares, acrobacias, interpretación teatral e sobre todo moito humor.