As instalacións de atletismo da Malata acollerán o Campionato Galego de Veteranos
A concelleira de Deportes do Concello de Ferrol, Susana Martínez Galdós, presentou hoxe o Campionato Galego de Veteranos en pista ao ar libre, que se disputará o vindeiro domingo 1 de xuño nas pistas de atletismo da Malata. Este evento está organizado pola Federación Galega de Atletismo e o Club Castro de Lobadiz e conta co patrocinio da Administración municipal.
Martínez Galdós sinalou que este campionato está aberto a todos os atletas tanto en categoría feminina como masculina maiores de 35 anos que estén en posesión da licenza deportiva para a presente tempada 2013-2014. “Espérase unha moi nutrida participación entre carreiras, saltos e lanzamentos”. O campionato se desenvolverá en horario de mañá e tarde. A titular de Deportes felicitou aos organizadores polo que dixo que será unha gran xornada deportiva nas pistas da Malata.











