As infraestruturas do Porto de Vigo promociónanse na Breakbulk Europe 2014

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorLocal PortadaVigo
A-
A+
Presenza do Porto de Vigo en Anveres

Presenza do Porto de Vigo en Anveres

O Presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Ignacio López-Chaves, participou estes días na feira Breakbulk Europe Transportation 2014, considerada como a máis importante de Europa para as empresas relacionadas co transporte de mercadoría xeral “en convencional”, é dicir, non contenerizada, abarcando tamén tráficos específicos como as cargas pesadas e de proxecto ou, cada vez máis, a loxística do tráfico ro-ro.

Esta feira, que tivo lugar do 13 ao 15 de maio, é unha das máis importantes do ano na planificación da xestión comercial que leva a cabo a Autoridade Portuaria de Vigo, por ser a cita principal en materia de promoción dos tráficos e a loxística de mercadoría xeral, sector que, na distribución de tráficos de Vigo, non só ocupa a primeira posición, senón que, ademais, o pasado ano, esta carga superou por vez primeira a cota do 90% do seu tráfico portuario.

Vigo foi un dos poucos portos españois presentes neste evento, no que si participaron con caseta a maioría das armadoras de buques do mundo.

A comitiva portuaria viguesa, encabezada polo seu Presidente centrouse en prestar apoio e cobertura aos numerosos Usuarios do Porto olívico, pondo á súa disposición unha caseta de case 20 m2 como base de operacións e centro para as reunións cos seus clientes, co obxectivo de facilitar a promoción dos seus servizos.

Ademais da presenza da Autoridade Portuaria de Vigo, na Breakbulk Europe Transportation 2014 participaron algúns dos principais portos europeos, como Hamburgo, Bremerhaven, Róterdan, Zeebrugge, Amsterdam, Lle Havre, Marsella, Savona, Taranto, Gdynia ou Dunquerque.

Actividades paralelas

En canto ás actividades paralelas á feira, destacar os xa tradicionais “Educational Workshops”, como sólidos talleres formativos destinados ás prestixiosas titulacións académicas en materia de loxística tan afianzadas nos países baixos.

Ademais destes talleres, tiveron lugar diversos encontros de negocios entre empresas e conferencias de gran interese como o mercado actual para as flotas multipropósito e de cargas pesadas, os riscos derivados da situación política de Rusia e Irán, ou as novas tendencias na industria global de gas e petróleo.

Así mesmo, e á marxe da actividade na propia Feira, os representantes do Porto de Vigo visitaron o Porto de Anveres, onde puideron coñecer de primeira man algunhas terminais coas que o Porto de Vigo está a potenciar determinados tráficos, ademais de visitar algúns clientes finais do porto que abriron en Holanda centro de distribución dos seus produtos.

17 de maio de 2014 | 11:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.