As Escolas de Verán de Balonmán Xiria cumpren 21 anos fomentando deporte e convivencia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

Balonmán Xiria oferta un ano máis as súas Escolas de Verán con 250 prazas para nenos e nenas de Infantil e Primaria co obxectivo de fomentar a convivencia, o deporte e as actividades culturais entre o 1 de xullo e o 29 de agosto. De luns a venres, de 10.00 a 14.00 horas (con opción de incrementar o horario de 7.00 a 10.00 horas, con ou sen almorzo en Xolda) os cativos e cativas que se anoten poderán realizar obradoiros de deporte, en primeiro lugar, pero tamén de lectura, de informática, de teatro, de baile, de audiovisual ou de globoflexia, entre outros moitos, para pasar unhas mañás de verán entretidas e diferentes. Tamén está previsto celebrar actividades puntuais como excursións (non incluídas no prezo), xogos de auga ou unha Festa Pirata. Segundo explica Marcos Rodríguez, coordinador da actividade, ademais de fomentar o deporte en idades temperás, o obxectivo das Escolas de Verán e tamén o de “axudar ás familias a enfocar o tempo de lecer dos nenos e nenas”, ademais de educalos “en normas e valores”.

As actividades terán lugar no Pavillón Vila de Noia da capital municipal e nas instalacións do CEIP Fogar e os interesados e interesadas en anotar aos seus fillos e fillas poden facelo até o 31 de maio nas oficinas Carballo Deporte, situadas na rúa Vila de Corcubión; ou no Pavillón Vila de Noia de 17.00 a 21.30 horas. Marcos Rodríguez tamén subliña que este ano o obxectivo é dar un paso máis nas Escolas de Verán, tentando conectar todas as actividades entre si para darlles unha continuidade. Así mesmo, está previsto crear un blog no que os nenos e nenas poderán reflectir as súas impresións e mesmo actuar como xornalistas relatando as súas experiencias. Respecto das cotas, para dous meses a normal é de 130 euros ou de 110 para o segundo irmán e sucesivos; e de 75 euros para un único mes ou de 65 euros para o segundo irmán e sucesivos. A este prezo sumaráselle, de solicitalo, o importe do acollemento en Xolda de 7.00 a 10.00 horas, que é de 43 euros ao mes con almorzo; e de 33 euros ao mes sen almorzo.

O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixeron resaltar o feito de que estas escolas leven xa 21 anos en marcha, servindo incluso de referencia para as doutras entidades. Para Ferrero “o gran número de xente que participa nas escolas”, que cada ano roldan o cheo das 250 prazas, “é un gran aval”, xa que amosa que “as familias teñen confianza absoluta nesta actividade”. O Alcalde tamén aproveitou para transmitir os seus parabéns ao Balonmán Xiria e persoalmente a Marcos Rodríguez e ao Vicepresidente, José Antonio Rodríguez, porque “todos debemos sentirnos orgullosos do traballo deportivo das Escolas de Balonmán Xiria”.

22 de maio de 2014 | 18:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.