As asociacións de Lugo xa poden solicitar un local na nave de asociacións Clara Campoamor

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A Concellería de Servizos Xerais e Participación Cidadá informa que dende mañá martes 6 de maio está aberto o prazo para que as asociacións sen ánimo de lucro poidan solicitar un dos locais da nave Clara Campoamor no que desenvolver as súas actividades.

Con esta convocatoria preténdese pór a disposición das entidades e asociacións que cumpran os requisitos establecidos nestas bases e resulten beneficiarias os locais da dita nave mediante a autorización de uso temporal e en precario dos locais que se asignen.O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contados dende mañá martes. O Concello de Lugo dispón desta nave de asociacións sita no Parque da Milagrosa que consta de dez locais e un salón para o seu uso dende o ano 2007.

Plan Urban

Tamén xa se poden solicitar as axudas do Plan Urban compostas por dúas liñas de axudas, unha delas destinada a mellorar a imaxe dos negocios, coa instalación de rótulos, toldos e terrazas e a renovación de fachadas, ademais da instalación de ventás arqueolóxicas na entrada ou no interior dos establecementos, e outra que ten a finalidade de apoiar a creación de novas actividades económicas e a creación de emprego. Esta convocatoria está cofinanciado ó 80% pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), o Concello e a Deputación.

O prazo para a presentación de solicitudes será ata o 20 de xuño, no caso das axudas para a instalación de terrazas, rótulos e mellora de fachadas, e ata o 27 de xuño nas achegas para apoio a novas actividades económicas.

5 de maio de 2014 | 19:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.