As actividades físico recreativas de verán en Vilagarcía incluirán bádminton, ximnasia, ioga, aeróbic e andainas
O Consello Reitor da Fundación de Deportes aprobou o xoves o programa de actividades deportivas de verán para adultos que se desenvolverán nos meses de xullo e agosto e na que os cidadáns poderán participar de xeito gratuíto e sen necesidade de inscrición. A oferta componse das actividades físico recreativas de ximnasia de mantemento, aeróbic, ioga e bádminton e tamén se repite o programa de andainas “Camiña con Nós”.
Coa programación das actividades deportivas de verán para adultos, a Fundación que preside Elena Suárez, pretende que durante a época estival as persoas maiores poidan practicar actividades deportivas tamén ao aire libre co obxecto de promover hábitos de vida saudables con alternativas que incidan positivamente no seu benestar. Estas actividades desenvolveranse tanto na praia como en algún recinto cuberto e sempre dirixidas por un monitos deportivo da Fundación.
No bloque de actividades físico recreativas inclúense catro modalidades. As sesións de ximnasia de mantemento realizaranse en horario de mañá de 9 a 10 e de 10 a 11 horas os luns, mércores e xoves tanto na praia Compostela e no pavillón de Castelao.
O areróbic impartirase os martes e xoves no pavillón de Castelao de 11 a 12 horas, mentres que o bádminton poderase practicar neste mesmo recinto os martes e xoves de 9 a 10 horas. Por último, as sesións de ioga desenvolveranse no local do Liceo-Casino ou en Fexdega e haberá sesións os luns e os mércores de 10 a 11 horas.
As persoas que sexan máis partidarias de andar ou a maiores tamén desexen realizar este tipo de actividade física, poderán sumarse as andainas do programa “Camiña con Nós” que desenvolve por terceiro ano consecutivo a Fundación de Deportes a través do programa Galicia saudable da Secretaría Xeral para o Deporte.
As andainas levaranse a cabo todos os días, de luns a venres, en horario de mañá e consistirán na realización de diferentes percorridos pola cidade, buscando rutas que se acomoden a diferentes niveis de dificultade para que poidan gozar delas tanto persoas habituadas a camiñar moito como outras que están comezando, así como xente de calquera idade.
O punto de encontro para iniciar a actividade sitúase no Paseo Marítimo fronte á explanada TIR e dependendo das características dos participantes decidirase as ruta ou rutas a seguir entre as cinco existentes segundo a súa lonxitude e grao de dificultade. O percorrido curto vai da explanada TIR ata a caseta do posto dos socorristas na Compostela, o medio chega ata o peirao de Carril e o longo ata o miradoiro de Cortegada. Trátase de rutas practicamente chas e ida e volta nos tres casos. Tamén hai un percorrido medio-intenso que vai dende a TIR ata o Parque do Castrillo onde xa se inclúen desniveis e tramos campo a través; e o medio longo que segue ata os depósitos de Ferrazo. Tamén estes son de ida e volta.
As andainas irán guiadas por monitores da Fundación que explicaran os beneficios de camiñar e as pautas que deben seguirse para unha práctica axeitada e non sufrir lesións. Por iso durante os percorridos realizaranse diversas paradas para controlar o ritmo cardíaco hidratarse e demais.