Aposta pola promoción dos grupos de música locais a través do I Circuíto Coruña Sonora
O concelleiro de Educación, Deportes e Mocidade, Francisco Mourelo, presentou esta mañá o I Circuíto Coruña Sonora, un proxecto co que pretende apoiar e promocionar aos grupos de música integrados por mozos emerxentes na cidade.
Francisco Mourelo destacou que Coruña Sonora é unha das grandes novidades do departamento de Mocidade para o último trimestre deste ano. Dirixido aos grupos musicais da Coruña compostos por mozos de entre 18 e 30 anos, nesta primeira edición tamén se admitirá a inscrición de grupos con membros que superen a idade máxima sempre que non excedan o 50% dos compoñentes. O concelleiro de Mocidade sinalou que outros requisitos son que como mínimo o 50% dos membros de cada grupo estean empadroados no municipio da Coruña ou se atopen cursando estudos oficiais nun centro de ensino situado na cidade durante o curso 2013-2014.
En total, seleccionaranse 12 grupos, que ofrecerán os seus concertos (unha actuación por banda) entre os meses de setembro e novembro deste ano. A actuación de cada un dos grupos durará 60 minutos e o Concello facilitaralles o equipo de son e de iluminación, así como o escenario. Os grupos terán que achegar os seus instrumentos e os correspondentes amplificadores. A Concellaría de Mocidade estuda agora posibles localizacións para os concertos, entre as que se atopan salas de concertos como Pantalán, Mardi Gras, Filomatic, Lle Club e Dublín.
Cada grupo elixido recibirá 250 euros por concerto. Para ser seleccionado terán que presentar, entre outros documentos, dous temas de creación propia en formato MP3 gravados polos compoñentes inscritos e cunha duración máxima de 15 minutos. O prazo de inscrición estará aberto desde o vindeiro xoves, 15 de maio, até o 6 de xuño.
Tanto a difusión das bases do concurso como os grupos seleccionados daranse a coñecer por medio da web www.corunasonora.es. Os grupos interesados en participar deberán presentar a documentación no Centro Municipal de Información Xuvenil (CMIX), con sede no Fórum Metropolitano (teléfono 981 184 294 e correo electrónico cmix@coruna.es).
O xurado valorará a calidade artística dos traballos presentados, así como a presenza do grupo en web, blogs, redes sociais e outros medios de difusión dixital como Instagram, Youtube ou Bandcampa.
LOCAIS DE ENSAIO E NOCTURNIA
O concelleiro de Mocidade sinalou que o I Circuíto Coruña Sonora súmase así a outras dúas accións estratéxicas do seu departamento e que teñen unha enorme aceptación entre mozos coruñeses, comos son os Locais de Ensaio e o programa Nocturnia.
Os Locais de Ensaio do Coliseum son un servizo público a disposición dos músicos noveis para que teñan a oportunidade de expresar a súa creatividade musical.Ademais da cesión deste espazo de ensaio coordinado e controlado polo Concello, organízanse accións formativas e de exhibición coas creacións dos grupos participantes, así como refórzanse sinerxías non só entre os músicos dos locais, senón tamén con proxectos similares no resto do país e con outras accións educativas, deportivas e culturais da área que dirixe Francisco Mourelo.
O programa de lecer saudable Nocturnia fomenta propostas de lecer participativo, socioeducativo, de carácter lúdico e abertas, que se centran no deporte activo, o contacto coa natureza e as actividades sustentables.De marzo a xuño están a se desenvolver 60 actividades os fins de semana con 1.800 prazas para mozas de entre 18 a 30 anos en tres áreas diferentes: físico-deportivas, artístico culturais e lúdico didácticas.
“Desde a Concellaría de Educación, Deportes e Mocidade queremos que os mozos da nosa cidade non só teñan acceso a unha boa e completa formación nos centros educativos, senón tamén pretendemos ofrecerlles todos os recursos necesarios para que sigan desenvolvendo as súas inquietudes no seu tempo libre. Ese é o oco que pretendemos ocupar co deseño e organización deste tipo de actividades”, destacou Mourelo.
A Concellaría de Educación, Deportes e Mocidade fai unha aposta decidida de acordo co Pacto Europeo para a Mocidade, de marzo de 2005, pola formación práctica, activa, participativa e de calidade. Ao mesmo tempo, búscase alentar ás entidades xuvenís con verdadeira vocación innovadora para crear actividades con novos e atractivas formulacións para o espazo de lecer que respondan mellor ás inquietudes dos mozos.
“Queremos que Coruña Sonora complete e promova o mesmo que os Locais de Ensaio e Nocturnia, é dicir, a integración social da mocidade coruñesa, fomentando a súa participación, o exercicio dunha cidadanía activa e a súa inclusión social e que supoña, desta forma, un valor engadido para a nosa cidade, a economía e os propios novos”, concluíu Francisco Mourelo.











