Aposta pola exaltación do viño de Barrantes, a gastronomía e os concertos na XLII Festa do Viño Tinto do Salnés

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioRibadumia
A-
A+

O Concello de Ribadumia e a Asociación de Viticultores Viño Tinto do Salnés presentaron hoxe a programación da XLII Festa do Viño Tinto que se celebra o vindeiro fin de semana en Barrantes, do 6 ao 8 de xuño. Segundo explicou a alcaldesa Salomé Peña, “en torno ao tinto e aos colleiteiros elaborouse unha programación que aposta pola calidade, a variedade e, sobre todo, por promocionar o viño tinto de Barrantes e atraer ao maior número de visitantes”. Durante a presentación a alcaldesa de Ribadumia estivo acompañada polos seus concelleiros, varios membros da Asociación de Viticultores do Viño Tinto do Salnés, da comisión de festas e da Honorable Orde dos Valedores do Viño Tinto do Salnés.

A festa inaugúrase o venres as 13:00 horas, coa apertura dos stands de viño tinto tipo Barrantes e de variedades autóctonas. Os visitantes poderán disfrutar da última colleita nos postos de venta de viño. As catas previas realizadas está semana para seleccionar aos colleiteiros garanten que na carpa principal da festa se reúnen os mellores tintos da tempada. A noite pecharase co concerto do grupo de música folk TREIXADURA na Carballeira de Barrantes. A entrada é de balde. E para seguir amenizando a festa, as orquestras Palladium e Cinema actuará antes e despois deste concerto na rúa principal de Barrantes.

O sábado comezará en Barrantes coa actuación da Agrupación Músico Cultural de Ribadumia e dos Danzantes de Cobas. Estes últimos actuarán na Carballeira de Barrantes durante a cata final dos viños seleccionados, que comeza ás 13:00 horas. Será momento de que a Honorable Orde invista aos seus valedores deste ano, entre os que se atoparán persoas que pola súa traxectoria persoal ou profesional colaborasen na promoción e difusión do viño tinto de Barrantes e da súa festa.

O pregoeiro desta corenta edición da festa será o actor e humorista galego Carlos Blanco, coñecido pola súas interpretacións en series como Mareas Vivas e Lobo, a súa labor de presentador ou os seus monólogos, xénero co que ten percorrido a xeografía española . Tras o pregón, os asistentes poderán participar nunha degustación gratuíta de viño tinto, pan de millo e chourizo.

A comida oficial, na que se dan a coñecer os colleiteiros gañadores desta edición da festa, contará coa participación de preto de 700 persoas, que compartirán mantel no Pavillón Municipal de Barrantes. Alí se entregaran os premios os mellores Tintos. A tarde do sábado está destinada para os nenos, coa Festa Infantil na Praza do Concello, na que se mesturan animación e inchables, mentres que pola noite a música correrá a cargo das orquestras Charlestón e Jerusalén. Pola súa parte, Panorama subirá ao escenario da Carballeira de Barrantes o domingo, como peche da festa.

Domingo

Pero non o farán sen antes disfrutar dun domingo no que a programación combina deportes e cultura. A xornada amanecerá ás 9.30 horas coa III Ruta BTTInto, acompañada dunha andaina, que percorre os montes e camiños forestais de Ribadumia e de Meis, e na que participan preto de 2.000 persoas. Xa pola tarde entregaranse os premios do Concurso de deseño gráfico de Camisetas da Festa do Viño Tinto do Salnés, na Praza do Concello. Ao rematar, comezará o tradicional concerto de bandas, coa Agrupación Músico Cultural de Ribadumia, a Banda de Música de Ribadumia e a Banda de Música de Catoira.

Segundo explicou Salomé Peña durante a presentación, as cifras de participación dos últimos anos demostran que a Festa do Viño Tinto do Salnés xa está consolidada, xa é unha data de referencia para todos os amantes do viño. E para acoller a todas esas persoas que o Concello de Ribadumia espera que visiten Barrantes esa fin de semana, estanse acondicionando varios aparcamentos gratuítos en fincas cedidas polos veciños de xeito totalmente desinteresado. Así, atoparán aparcamentos nas principais entradas a Barrantes.

30 de maio de 2014 | 19:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.