Apertura do prazo de inscrición nun curso on line dirixido a estudos técnicos sobre as novidades da lei de emprendemento
A dita acción formativa impartiraa Alberto Pensado Seijo, persoal do departamento de Urbanismo a través da plataforma de formación on line do COAATIE de Lugo e dará comezo o 16 de maio
O funcionario do departamento de Urbanismo, Alberto Pensado Seijas, licenciado en Dereito e Ciencias Económicas, impartirá un curso on line sobre as novidades da Lei 9/2013, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, que se desenvolverá a través da plataforma de formación do Colexio Oficial de Aparelladores, Arquitectos Técnicos e Enxeñeiros de Edificación (COAATIE de Lugo).
O dito curso dará comezo o 16 de maio e rematará o 29 de xuño e conta con 40 horas lectivas. Desde o departamento de Urbanismo preténdese facer extensible desta acción formativa aos distintos consultings e estudos técnicos de arquitectura porque neles se tratarán aspectos sobre os diversos cambios no sistema de tramitación urbanística que introduce a nova normativa, entre eles o E+D, Expediente Dixital, que o Concello de Lalín xa ten en marcha.
Ademais hai que recordar que técnicos do departamento municipal de Urbanismo coordinados polo edil delegado Román Rodríguez mantiveron xa hai uns meses unha xuntanza informativa cos consultings para explicarlles as novidades da dita Lei 9/2013.
Ao remate do curso emitirase un certificado de telo realizado a aqueles asistentes que acrediten un aproveitamento mínimo do mesmo.
Desde o Concello de Lalín faise un chamamento a que os estudos locais participen neste curso on line dada a importancia de adaptarse ás novidades da tramitación administrativa introducidas pola Lei 9/2013 do emprendemento.











