Apertura do prazo de inscrición do XIII Certame Provincial de Bandas de Música

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe as bases do XIII Certame Provincial de Bandas de Música e abre o prazo para que todas as agrupacións interesadas en concursar poidan presentar a súa solicitude. Poderano facer desde mañá, xoves 29 de maio, ata o 27 de xuño, ambos os dous incluídos, no rexistro da Deputación de Pontevedra.

No concurso admitiranse todas as bandas de música federadas, que poderán competir en tres niveis segundo o grao de dificultade da peza de libre elección que interpreten.

En total serán 22 as agrupacións que participarán no certame, 6 na sección primeira (a de maior dificultade), e 8 na segunda e na terceira.

A elección das bandas concursantes realizarase por medio dun sorteo público entre todas as agrupacións que opten a participar en cada unha das categorías.

Lalín, Vilagarcía de Arousa e Tui

O certame terá lugar en tres puntos diferentes da provincia. Así, as agrupacións que compiten na sección primeira farano no Auditorio Área Panorámica de Tui o 4 de outubro, as da sección segunda no Auditorio Municipal de Lalín o 11 de outubro, e as da sección terceira no Auditorio Municipal de Vilagarcía o 18 de outubro.

Só por participar cada banda percibirá entre 2.000 e 3.500 euros (en función da sección) e entregaranse 3 premios ós mellor clasificados en cada nivel.

Sección      1º premio     2º premio     3º premio
Primeira     4.200 €           2.000 €          1.500 €
Segunda     3.500 €            1.800 €          1.250 €
Terceira     3.000 €            1.500 €         1.000 €

A clasificación determinarana os membros do xurado atendendo a aspectos como a afinación, a sonoridade (dinámica, planos sonoros, equilibrios harmónicos, etc.), a interpretación e a técnica. Todos eses aspectos valoraranse tanto na interpretación do tema libre como nos temas establecidos como obrigatorios nas bases do concurso, que serán 2Q1E In memoriam de David Cuevas para a sección primeira, Theseus de Andrés Álvarez para a segunda e Sangral de Israel Quintas para a terceira.

28 de maio de 2014 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.