Anxo Lorenzo mostra o seu apoio á Feira do Libro de Santiago de Compostela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Anxo Lorenzo na Feira do Libro de Santiago

Anxo Lorenzo na Feira do Libro de Santiago

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, visitou a Feira do Libro de Santiago de Compostela, onde o responsable deste departamento tivo ocasión de conversar cos libreiros e libreiras que participan neste evento cultural que se celebra na Alameda ata o 4 de maio.

Anxo Lorenzo tamén visitou na feira o espazo da Biblioteca Pública Ánxel Casal, no que os nenos e nenas contan cun lugar para ler, debuxar e achegarse aos libros. Ademais de ofrecer a posibilidade de realizar carnets de socio e de amosar unha pequena exposición cos fondos da biblioteca, a Ánxel Casal organiza no marco da feira o contacontos ‘Pastoreando alegrías’, do programa Ler conta moito, que terá lugar o sábado 3 de maio ás 12 horas.

O calendario de Feiras do Libro de Galicia chegará este ano a 12 localidades da man da Consellería de Cultura e Educación, e da Federación de Librarías de Galicia ao abeiro do convenio asinado para tal fin entre ambas as entidades e no marco das actuacións da Xunta de Galicia para a promoción do sector do libro en Galicia.

Tras o seu paso por Santiago de Compostela, as próximas citas das Feiras do Libro de Galicia serán en Pontevedra (6 a 11 de maio), en Lugo (13 a 18 de maio), en Vigo (23 de maio a 1 de xuño), en Ourense (3 a 8 de xuño), en Ferrol (11 a 15 de xuño), en Ribadeo (17 a 20 de xullo), en Rianxo (24 a 27 de xullo), na Coruña (1 a 10 de agosto), en Viveiro (14 a 17 de agosto), en Foz (27 a 30 de agosto) e mais en Monforte (27 a 30 de agosto).

2 de maio de 2014 | 13:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.