Ampla programación para a XXXI Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

Esta tarde o Auditorio Municipal acolleu a presentación da XXXI Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas que unha vez máis converte ao municipio en todo un referente teatral durante unha semana.

Nesta edición representaranse case unha vintena de actuacións en diferentes puntos da vila coma son o Auditorio Municipal, onde cada noite haberá uha obra diferente, a Capela do Hospital, a Casa da Cultura, o Salasón e o teatro na rúa nas diferentes parroquias.

A mostra abrirá ao público o venres 27 de xuño coa obra “Meu Ben” ( M2 PRODUCIÓNS) que contará coa participación de actrices coma Mercedes Castro ou Elina Luaces no Auditorio Municipal. O sábado 28 a programación continuará coa representación de “Como por un Tubo” de mans de Miguel Ángel Solá. O domingo 29 GRAPPA TEATRO presenta “Clochards”de Paco Mir. O luns é o turno dos alumnos e alumnas de segundo curso da Escola Municipal de Teatro que representarán “Soño dunha noite de verán”. Tras o descanso do martes o mércores día 2 o teatro volta ao Auditorio de mans da compañía NINGURES que presenta “ O Ogrocho” dirixida por Salvador del Río. O xoves 3 é a quenda da “Tempestad” (EL BARCO PIRATA). O venres 4 chega unha das apostas máis importantes desta mostra “One Hit Wondres” que combina a danza e a interpretación co humor da mans de Sol Picó e o sábado día 5 a compañía TEATRO DO CHAPITÓ presenta a súa obra xestual “Macbeth”. Para clausurar esta semana de teatro o domingo día 6 a compañía CHÉVERE GALICIA, que na pasada edición se alzou co premio do público, presenta “Viaxe ao País dos Ananos”.

Pero non so o Auditorio Municipal será o escenario do teatro durante esta trixésimo primeira edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Ás rúas do concello contarán con diversas actuacións e performances coma a “Caravana da Señorita Lupier” que o día 3 realizará 3 pases dirixidos aos máis pequenos, ou o show de “Peter Punk” que realizará pases en Cangas, Aldán e O Hío. A programación na rúa tamén conta coa actuación de “Kabahiota Circo e Acrobacia” o venres 4 e “Olivia Necesita un Verán” o sábado día5.

A Capela do Hospital acollerá durante esa semana a exposición “Acordaros de Nosotras” de Pablo Pastor, o debate “Espazo Luces. Que Facer dunha vez por todas coa cultura”, a presentación da “Revista Galega de Teatro” e a proposta escénica de micro teatro de “Vulto Ibuprofeno”.

Como ven sendo habitual nos últimos anos o Salasón tamén será o escenario de varias representacións coma a estrea de “As fillas Bravas” (CHÉVERE GALICIA) ou os poemas de “Con dez poemas por banda”.

Finalmente, a Casa da Cultura de Cangas será o lugar de celebración do obradoiro “La Cualidad” de Andres Lima dirixido a actores e actrices, o obradoiro “Representacións do Inconsciente” que amosará aos asisntes como empregar ferramentas da interpretación para axudarse na saúde e nos malos momentos da vida e o obradoiro de ADICAM “Autocoñecemento polo Cambio”.

O concelleiro de Cultura José Luis Gestido quixo destacar a calidade da programación deste ano que inclúe unha gran cantidade de obras de estrea de mans de artistas de renome, na que se ve reflexada o esforzo e os meses de traballo realizado polos membros da organización, para sacar adiante unha das actividades culturais máis importantes que se levan a cabo no Concello de Cangas que atrae a visitantes do resto de Galicia e incluso Portugal.

Os membros da organización prevén que nos vindeiros días se poña a venda o bono de entradas, que permitirá desfrutar das 8 actuacións que se realizarán no Auditorio Municipal por un prezo de 5€ cada unha coa posibilidade de elixir as butacas. A partir do 20 de xuño estarán dispoñibles as entradas anticipadas por un valor de 6€ cada unha e en taquilla poderán adquirirse por 8€.

Aqueles mozos e mozas que presenten a o seu carné xoven na taquilla poderán beneficiarse dun desconto de 2 euros no prezo da entrada.

20 de maio de 2014 | 21:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.