Amencer pon en marcha un curso de monitores de actividades de tempo libre con 25 prazas
A Concellería de Voluntariado promoverá, xunto á Asociación Xuvenil Amencer, un curso para a obtención da titulación de monitores de actividades de tempo libre, concedido pola Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia. A concelleira Mónica Vázquez, e os coordinadores de Amencer Xulio César Iglesias e Laura Valcárcel presentaron esta mañá no Salón de Plenos as características do curso, que xa ten o prazo de inscrición aberto.
Celebrarase durante o mes de xuño e a primeira semana de xullo, en horario de 16 a 21 h pola semana, e en horario de mañá e tarde as fins de semana. Os únicos requisitos para formalizar a inscrición son ser maior de idade e ter o graduado escolar. Para a obtención do título, o alumno debe superar dúas fases: unha primeira fase teórico práctica, cunha duración de 200 horas en xornadas de 10 horas cada unha e 10 xornadas de 5 horas cada unha.
A segunda fase correspóndese cun período de prácticas, nunha destas modalidades: 14 días de actividades de tempo libre; ou 150 horas en actividades cunha entidade que traballe no eido da educación no tempo libre.
A concelleira agradeceu o labor da Asociación Amencer, que “sempre dan o mellor de si, e son un exemplo de entrega”, e animou á cidadanía a apuntarse, non só mozos e mozas, persoas de calquer idade maiores de 18 anos. A concelleira salientou o detalle por parte da asociación Amencer de realizar un desconto na inscrición a asociacións de voluntariado da cidade.
Xulio César Iglesias, pola súa banda, subliñou a unión de forzas, esforzos e ilusión, para sacar adiante un curso que pretende que os mozos e mozas que participen en campamentos ou campos de traballo “saiban ben o que fan, dun xeito profesional e coherente”. Laura Valcárcel aludiu ao perfil dos participantes: universitarios, recén licenciados, ou persoas relacionadas con Educación Social, Maxisterio, etc. “O curso non só é útil para atopar un emprego, tamén sirve de complemento práctico a carreiras moi teóricas”, rematou.
Inscricións
A matrícula no curso farase na secretaría da Asociación Xuvenil Amencer, coa entrega do impreso de inscrición, xunto co 50% do importe total do curso. As prazas son limitadas, ata acadar as 25 prazas. Máis información no teléfono 988218123.











