Amancio Prada abre en Pontevedra un ciclo de cinco concertos para conmemorar as Letras Galegas
Amancio Prada abre este sábado en Pontevedra un ciclo de cinco concertos cos que a Deputación quere conmemorar o Día das Letras Galegas. Terá lugar no Centro Social Fundación Novacaixagalicia, ás 20:00 h, tal e como subliñou a deputada Ana Isabel Vázquez na rolda de prensa de presentación do evento.
As actuacións do cantautor leonés desenvolveranse entre o 17 e o 25 de maio e suporán a presentación en Pontevedra do espectáculo A Rosalía de Federico. Trátase dun acto que vai máis alá do concerto clásico e que, en palabras de Ana Isabel Vázquez, “supón unha interesante combinación músico-teatral cargada de sentimento e de paixón pola esencia galega que parte dos Seis Poemas Galegos de Lorca e representa unha verdadeira homenaxe a Galicia, á súa terra, á súa paisaxe, ás súas xentes” e no que tamén cobra un protagonismo especial a iluminación.
Estas actuacións forman parte do circuíto de concertos que a Deputación de Pontevedra puxo en marcha para esta primavera, verán e outono e no que ademais de Amancio Prada participan outros artistas galegos como Luis Emilio Batallán, Budiño, Carlos Blanco e Luis Davila co espectáculo Menú do Día nas Prazas, Roi Casal, Treixadura, María do Ceo, Oscar Ibáñez, Gustavo Almeida e As Cantareiras de Ardebullo. No caso de Amancio Prada a Deputación optou por concentrar os concertos nesta vindeira semana para que servisen tamén para conmemorar o Día das Letras Galegas, tendo en conta a vinculación da música do cantautor leonés coa poesía galega.
Neste sentido, a deputada subliñou a contribución de Amancio Prada a popularizar e difundir a lingua, a literatura e a esencia de Galicia tanto dentro como fóra da Comunidade.
Cómpre destacar que Amancio Prada, ademais de compoñer numerosos temas propios, musicalizou un gran volume de poemas de diversos autores; entre todos eles un dos máis presentes é, precisamente, Rosalía de Castro, a autora dos Cantares Gallegos, a obra coa data de publicación que deu lugar ó Día das Letras Galegas.
Tralo concerto de Pontevedra Amancio Prada presentará o mesmo espectáculo o día 18 de maio, ás 20:00 h, no Auditorio Municipal de Valga; o día 20, ás 20:30 h, no Teatro Municipal de Tui; o día 21, ás 21:00 h, no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa; e o día 25, ás 21:00 h, no Auditorio Municipal de Cangas.
A entrada será gratuíta e libre ata completar aforo.











