Alumnos de infantil do Ceip Xesús Golmar coñeceron o funcionamento do Concello de Lalín

Visita dos rapaces ao Salón de Plenos
Visitaron ao longo da mañá o Castro Tecnolóxico. O que máis lle chamou a atención foi o Salón de Plenos e a figura da vaca
Alumnos de 5º de Infantil do Colexio Xesús Golmar realizaron ao longo da mañá de hoxe unha visita ao Castro Tecnolóxico onde coñeceron gran parte das entretelas da nova Casa do Concello. A excursión deu comezo sobre as 9.30 horas da mañá cando se adentraron no hall da Consistorial onde foron recibidos por María Álvarez, concelleira de Cultura, e puideron ver na parte superior do círculo central os nomes de todas as parroquias lalinenses.
Continuaron o seu percorrido pola planta baixa do Concello visitando a oficina de Medio Ambiente. Alí os técnicos deste departamento explicáronlle a importancia que na vida cotiá ten o coidado do medio ambiente e da necesidade de potenciar a reciclaxe.
Xa no primeiro andar visitaron o servizo de Urbanismo e puideron ver en primeira persoa o traballo que desde alí fan os técnicos, realizando trámites diversos aos veciños, por exemplo, para poder construír unha casa ou para abrir un determinado establecemento.
De Urbanismo ata a estancia máis nobre. O Salón de Plenos foi obxecto da seguinte parada deste grupo duns 70 rapaces. O edil de Turismo, José Antonio Rodríguez, explicoulles o que se fai nunha sesión plenaria, o modo de funcionamento e a importancia das decisións que se toman para o conxunto dos veciños.
Os escolares tamén visitaron a Alcaldía, e viron o funcionamento do gabinete de comunicación, o que se fai como por exemplo escribir noticias e facer fotos para que logo saian publicadas e difundidas nos diferentes medios, facer análise dos prensa, etc. O que máis lle chamou a atención aos cativos foi o Salón de Plenos e a figura da vaca.
A Policía Local foi a seguinte parada dos nenos do Golmar. Alí os axentes déronlle unha breve charla sobre seguridade viaria para logo realizar unha clase práctica subindo aos distintos coches dos efectivos municipais.
E para rematar os porquiños da Porcomostra acolleron os sorrisos destes pequenos que agora xa coñecen por dentro como é a Casa de todos os lalinenses.











