Aldaolado e Xoán Curiel serán protagonistas das Letras Galegas en San Sadurniño
San Sadurniño celebra as Letras Galegas este domingo a partir das 18 h. no Pazo da Marquesa. O programa da homenaxe ao poeta Xosé María Díaz Castro inclúe as actuacións do grupo Aldaolado e de Xoán Curiel. Ademais, o peche da xornada farase coa entrega de premios da terceira edición do concurso literario ARTEllando na lingua, convocado pola asociación ARTElladas. Porén, este non é o único encontro relacionado coa cultura para a fin de semana, xa que a asociación de veciños O Castelo presenta na tarde do venres en DZINE a colección dixital da revista Pumariño mentres que Berros do Castro mostrará o sábado en Ferrol o seu último traballo.
O Concello de San Sadurniño trae música e poesía ao Pazo da Marquesa para renderlle tributo ás letras e a lingua galega. O grupo Aldaolado -formado por Lucía Aldao e María Lado- participan nos actos de homenaxe a Díaz Castro co seu espectáculo Con dez poemas por barba!, un recital de poesía “ameno, dotado de ritmo e comunicación aberta co espectador” co que pretenden “emocionar a aqueles que odian a poesía”.
Trala actuación de Aldaolado, o cantante e compositor Xoán Curiel ofrecerá un pequeno concerto no que poderemos escoitar parte do seu traballo Magnético Zen, elixido mellor álbum en lingua galega na quinta edición dos premios da música independente outorgados pola Unión Fonográfica Independiente. Curiel fai música pop en galego con influencias das músicas do mundo. Melodías cálidas e sorprendentes con letras “conectadas co presente”, segundo asegura no seu blog.
Ao remate dos concertos, a asociación de ocio e tempo libre ARTElladas entregará os premios do seu concurso literario, que xa vai pola terceira edición, no que se premian textos breves en galego nas categorías infantil, xuvenil e adulta.
Reedición da revista Pumariño
Pola súa banda, a Asociación de veciños O Castelo de Narahío celebra as Letras presentando unha colección dixitalizada da revista Pumariño, publicada en San Sadurniño entre os anos 1976 e 1983. Unha época de grande fervenza cultural e política na que “Pumariño” comezou a publicarse mensualmente para dar conta da actualidade parroquial, aínda que cun marcado carácter reivindicativo da lingua e da cultura do país. Porén, pouco a pouco a revista foi abrindo o seu abano temático á crítica política e á creación literaria ata se converter nun exhaustivo e satírico diario do acontecer do San Sadurniño da época.
A Asociación de Veciños O Castelo de Naraío quixo recuperar e darlle difusión a aquela publicación como parte fundamental da historia do municipio e como homenaxe ao espírito que a mantivo viva durante tanto tempo. Por iso en 2013 a directiva da entidade traballou para localizar o maior número posible de números, que despois se dixitalizaron e trataron para a súa adaptación á Internet.
No proceso, a asociación de veciños contou coa colaboración do principal impulsor da revista, Ramón Díaz Raña, e tamén da investigadora Rosa Cal, quen elaborou unha tese sobre esta e outras publicacións da época. A revista pode lerse de novo a través dun blog que se presenta este venres 16 de maio a partir das 20h. na sala DZINE nunha tertulia pública na que participarán varias persoas implicadas naquel proxecto editorial da Transición.
Tanto Encanto Reunido en Ferrol
A asociación Berros do Castro elixiu Ferrol para presentar publicamente o seu último traballo, o libro-cd Tanto Encanto Reunido. Trátase dunha obra editada por Embora que busca condensar o son e a historia recente da música tradicional das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. A entidade presenta o traballo tras un intenso labor de recuperación de instrumentos, fotografías e partituras. Parte desta investigación formou parte da exposición itinerante “Unha imaxe, unha melodía, un recordo” e tamén do disco “Eirexado S/N”. Agora a asociación incorpora novos achádegos nun volume que recolle imaxes de artesáns de instrumentos tradicionais, gaiteiros e acordeonistas solistas, grupos de gaitas, murgas e bandas de música que tiveron protagonismo no tempo de lecer das xentes da súa época en toda a volta.
Segundo a asociación, un dos obxectivos que se marcaron co disco foi o de rexistrar a maior variedade posible de ritmos tradicionais, relacionando cada unha das melodias seleccionadas coas imaxes que se recollen no álbum fotográfico. Trátase dunha escolma de quince melodías que formaban parte do repertorio dalgúns destes músicos populares, interpretadas imitando a formación musical orixinal, ou recuperadas de gravacións feitas aos propios músicos das fotografías, como é o caso do corte sonoro que pecha o disco, unha mazurca interpretada por Manuel Prieto e Andrés Nieto, afamados músicos populares de Ferrolterra.
Tanto Encanto Reunido presentarase o sábado ás 20 horas no Lar de Toxos, na rúa Magdalena 220.