Aldaolado e Xoán Curiel actuarán en San Sadurniño co gallo das Letras Galegas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O Concello puxo a celebración das Letras Galegas para o domingo 18 de maio a partir das seis da tarde. As protagonistas serán a música e a poesía. Primeiro porque o homenaxeado deste ano, Xosé Mª Díaz Castro, foi poeta e, segundo, porque o programa inclúe as actuacións do grupo Aldaolado e de Xoán Curiel. Ademais, o peche da xornada farase coa entrega de premios da terceira edición do concurso literario ARTEllando na lingua, convocado pola asociación ARTElladas, que ten aberto o prazo de presentación de obras ata o 13 de maio. Por primeira vez -seguramente a primeira de moitas- os actos conmemorativos das Letras terán lugar no Pazo da Marquesa.

Xosé María Díaz Castro foi poeta e tradutor. Naceu en Guitiriz no 1914 no seo dunha familia labrega, aínda que pasou grande parte da súa vida en Madrid traballando como funcionario público. Retornou á súa terra natal a principios da década dos oitenta do século pasado. Daquela puxo casa na vila natal, onde morreu en outubro de 1990.

Tras de si deixou unha extensa obra poética, que arrancou aos 16 anos coa publicación do seu primeiro poema na revista catalá Lluvia de rosas. Grande parte dos versos de Díaz canalizouse a través de colaboracións en xornais e revistas, como Estafeta literaria ou Ínsula. En 1946 publicou Nascida dun sono e El cántico en la ciudad, aínda que habería que agardar ata 1961 para que vise a luz Nimbos, a súa obra máis importante.

Este é o perfil vital e creativo dun home que non só escribía poesía, senón que tamén foi tradutor doutros poetas e prosistas europeos. A el van dedicadas as Letras Galegas deste ano, que en San Sadurniño se celebran con música e poesía. O grupo Aldaolado -formado por Lucía Aldao e María Lado- traen o seu espectáculo Con dez poemas por barba!. Tal e como explica a crítica do Liceo mutante , é un recital de poesía “ameno, dotado de ritmo e comunicación aberta co espectador, no que este adquire ademais un papel activo. Durante o recital hai música en directo, xogos, historias, momentos de reflexión… pero sobre todo hai comunicación poética pura e verdadeira”. Un espectáculo, en definitiva, “para emocionar a aqueles que odian a poesía”.

Trala actuación de Aldaolado, o cantante e compositor Xoán Curiel ofrecerá un pequeno concerto no que poderemos escoitar parte do seu traballo Magnético Zen, elixido mellor álbum en lingua galega na quinta edición dos premios da música independente outorgados pola Unión Fonográfica Independiente. Curiel fai música pop en galego con influencias das músicas do mundo. Melodías cálidas e sorprendentes con letras “conectadas co presente”, segundo asegura no seu blog. O músico chega a San Sadurniño despois de pechar unha intensa xira por Arxentina. Actuará neste mes de maio en varias vilas galegas antes de marchar en xuño ao Azores Fringe Festival.

Entrega de premios do concurso ARTEllando na lingua
Ao remate dos concertos, a asociación de ocio e tempo libre ARTElladas entregará os premios do seu concurso literario, que xa vai pola terceira edición. Todos os traballos terán que estar escritos en galego e ábrese a posibilidade a calquera xénero: poesía, teatro, banda deseñada, relato curto, etc. Só se pon como condición a do idioma e a da extensión das obras, que deberá ser como mínimo de 40 palabras e como máximo de 500.

As bases establecen que cada participante poderá presentar como máximo unha obra por cada xénero. As categorías son tres: infantil, para nenos e nenas de 6 a 12 anos; xuvenil, para rapazada de entre 13 e 18; e adultos, para quen teña 19 ou máis anos. O premio para cada unha destas categorías é un libro electrónico.

As obras poden facérselle chegar á asociación por tres vías: correo electrónico -artelladas@gmail.com-, deixándoas en formato papel na conserxería do colexio ou entregándollas en man a calquera compoñente da entidade. É importante que os traballos vaian en sobre pechado e sen ningún tipo de identificación ou marca. Os datos persoais deberán ir noutro sobre pechado grampado á obra. Os que se envíen por correo-e levarán dous arquivos adxuntos: un co texto e outro cos datos do autor ou autora.

O prazo de presentación de obras para o concurso “ARTEllando na lingua” remata o 13 de maio e os premios para as tres categorías son os mesmos: un vale-agasallo de 50 euros.

6 de maio de 2014 | 12:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.