AGE lamenta “a foto triste para Santiago e para a democracia” dos concelleiros composteláns no banco dos acusados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O deputado de Alternativa Galega (AGE) e portavoz de EU na capital de Galicia, Xabier Ron, lamentou a “foto triste para Santiago de Compostela e para a democracia” que supón ver a sete edís do PP sentados este luns no banco dos acusados imputados polo pago da defensa a outro concelleiro, Adrián Varela, investigado na Operación Pokémon.

Preguntado polos medios durante a súa presenza nun acto de AGE con representantes do pobo saharauí, Ron denunciou que “o dano está feito á democracia” e “á confianza que debe ter a cidadanía nos seus cargos públicos”.

Neste sentido, Ron lembrou que xa hai quen chama xa á cidade “Santiago de Corruptela”, porque “parece ser que ninguén actúa”, pois “agora non chega con ser acusado” para dimitir, senón que “hai que ver en que queda esa acusación”.

“Este é un chanzo máis do que levamos denunciando desde que Conde Roa, o primeiro alcalde electo (do PP) fose xulgado por mal uso das responsabilidades pública”, censurou.

Por iso, asegurou que AGE defende “o respecto a unha nova ética democrática que debe impregnar todo cargo público, sen necesidade de códigos de ningún tipo que logo se incumpren como está a demostrar o presidente Feijóo”.

19 de maio de 2014 | 13:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.