Actividades para todos os públicos no programa das Letras Galegas da Laracha e San Isidro Labrador

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

Unha das citas culturais e festivas máis importantes do ano no Concello da Laracha chega a mediados de maio coa celebración conxunta do Día das Letras Galegas e o San Isidro Labrador, a data na que no noso municipio se rende homenaxe e se agradece a labor das moitas persoas que dedicaron parte da súa vida á agricultura e á gandería, sectores de destacada importancia histórica e tamén actual na Laracha.

Cada ano o Concello organiza un programa de actividades dirixidas a todos os públicos, animando a participar, especialmente, aos nenos nas propostas culturais deportivas e educativas e ao colectivo da terceira idade nos eventos sociais.

O xoves 15 de maio celebrarase a primeira das actividades. O obradoiro Xogando coas letras fará un percorrido pola vida e obra de Xosé María Díaz Castro, o autor ao que se dedica o Día das Letras Galegas 2014, mostrando a súa faceta políglota e incidindo na importancia da diversidade lingüística. Será a partir das 18.00 horas no baixo da biblioteca municipal da Laracha, estando dirixida a nenos de entre 5 e 12 anos de idade.

Na xornada seguinte, o venres 16, proponse o contacontos infantil titulado Avós na biblioteca municipal de Paiosaco tamén a partir das 18.00 horas. Neste caso o público ao que vai destinado é nenos de 3 a a 8 anos.

O sábado 19 pola mañá disputarase no Campo de Fútbol Municipal da Laracha a VI edición do Torneo San Isidro de Fútbol 7 da categoría benxamín, un cuadrangular que contará coa participación de dous equipos do Laracha C.F. e outros dous da U.D. Paiosaco. O inicio está previsto para as 12.00 horas e a entrega dos trofeos será ás 13.15 horas.

Ese mesmo día pola tarde no pavillón do IES Agra de Leborís terá lugar unha nova edición da Festa Homenaxe aos nosos maiores, que consistirá nunha misa, xantar e baile. As entradas continúan á venda ao prezo de 10 euros nos centros sociais da Laracha (servizos múltiples), Paiosaco (centro sociocultural da Porta Santa) e Caión (antiga casa reitoral).

Xa o domingo día 20 a música e o baile tradicionais galegos serán os grandes protagonistas. As asociacións culturais Santa María de Torás, Queiroga de Paiosaco e Arume de Caión actuarán a partir das 18.30 horas na explanada do IES Agra de Leborís. No caso de que as condicións climatolóxicas non sexan favorables, o espectáculo tería lugar no pavillón dese mesmo centro de ensino.

Exposicións

Por último, salientar que no programa tamén se inclúen, como cada ano, as exposicións dos traballos realizados polos veciños da Laracha que veñen participando desde o pasado mes de outubro nos cursos de manualidades e pintura ó óleo, bisutería, encaixe de palillos, patchwork, restauración e tapizaría que organizou o Concello.

A exposición da Laracha será a primeira en abrirse o venres 16 a partir das 17.00 horas no baixo da biblioteca municipal da Laracha. Poderá visitarse ata o mércores día 21 en horario de 17.00 a 21.00 horas.

Para o venres día 23 están programadas as aperturas das mostras de Caión (centro sociocultural da Ínsua) e de Paiosaco (centro sociocultural da Porta Santa). En ambos casos poderanse visitar durante esa fin de semana de 17.00 a 20.00 horas.

2 de maio de 2014 | 17:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.