Acebe organiza un desfile de moda do comercio de Betanzos
A Praza da Constitución de Betanzos converterase mañá sábado 10 de maio nunha pasarela de moda na que unha decena de comercios locais asociados a ACEBE CCA van amosar as súas principais propostas para esta tempada primavera‐verán.
O I Desfile de Moda do Comercio de Betanzos é unha iniciativa organizada por ACEBE CCA e concebida como unha oportunidade para que os socios poidan participar nun evento singular, nun entorno incomparable, para amosar ao público unha escolla de todo o que ofrecen os establecementos comerciais de Betanzos.
O desfile comezará ás 20.30 h, estará presentado pola xornalista betanceira Lucía Tenreiro e desenvolverase ao aire libre, nunha pasarela instalada na Praza da Constitución, unha ubicación emblemática e que supón unha clara aposta pola revitalización do Casco Histórico de Betanzos a través de accións de dinamización e promoción comercial.
No desfile participarán Dbebes, Metamorfose, Confecciones Chela, Peluquería Xabela, Graf, Bicoca, Cuplé, Óptica Brigantium e pechará o evento Freesia. Ademais o desfile contará coa colaboración de Grupo Suárez Peluqueros, Fuchica Na Testa, e Nana Peluquería Infantil.
Para completar a noite, Café Lanzós organiza un concerto na Praza de Santiago no que actuará o grupo de blues BIG LIS AND DE HER RODMAN.
En caso de choiva a organización suspenderá o evento e buscará unha nova data para a súa celebración. ACEBE CCA conta co apoio da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña e do Concello de Betanzos.











