Acebe organiza o “I Desfile de moda do comercio de Betanzos”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBetanzos
A-
A+

Praza da Constitución converterase o vindeiro sábado 10 de maio nunha pasarela de moda na que unha decena de comercios locais asociados a ACEBE CCA van amosar as súas principais propostas para esta tempada primavera‐verán.

O I Desfile de Moda do Comercio de Betanzos é unha iniciativa organizada por ACEBE CCA e concebida como unha oportunidade para que os socios poidan participar nun evento singular, nun entorno incomparable, para amosar ao público unha escolla de todo o que ofrecen os establecementos comerciais de Betanzos.

O desfile comezará ás 20.30 h, estará presentado pola xornalista betanceira Lucía Tenreiro e desenvolverase ao aire libre, nunha pasarela ubicada na Praza da Constitución, unha ubicación emblemática e que supón unha clara aposta pola revitalización do Casco Histórico de Betanzos a través de accións de dinamización e promoción comercial.

No desfile participarán Dbebes, Metamorfose, Confecciones Chela, Peluquería Xabela, Graf, Bicoca, Cuplé, Óptica Brigantium e pechará o evento Freesia. Ademais o evento contará coa colaboración de tres perrucarías: Grupo Suárez Peluqueros, Fuchica Na Testa, e Nana Peluquería Infantil.

Para completar a noite, Café Lanzós organiza un concerto na Praza de Santiago, que se inclúe como parte do evento. Actuará o grupo 3D Band, versionando temas dos anos 80. A Presidenta de ACEBE CCA, Antonia Anido, mostrouse moi ilusionada coa celebración do desfile: “é algo no que levamos pensado moito, dende hai tempo, e que agora por fin estamos en disposición de levar adiante, con moito traballo e esforzo pero con ilusión”. Asimesmo agradeceu oo apoio dos socios e socias que se involucraron no proxecto. En caso de choiva a organización suspenderá o evento e buscará unha nova data para a súa celebración.

ACEBE CCA conta co apoio da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña e do Concello de Betanzos para a organización deste I Desfile de Moda do Comercio de Betanzos.

7 de maio de 2014 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.