Ábrese o prazo para presentar propostas á reforma da rúa Federico Tapia e á instalación de escaleiras mecánicas en Mestre Clavé
O Concello da Coruña informa de que mañá, sábado 10 de maio, ábrese o prazo para presentar propostas para a reurbanización da primeira fase da rúa Federico Tapia e para a mellora da accesibilidade en Mestre Clavé coa instalación dun total de cinco escaleiras mecánicas que comuniquen as diferentes cotas e que xeren espazos públicos. Unha vez publicadas hoxe as dúas licitacións no Diario Oficial de Galicia (DOG), cun investimento total de 2,47 millóns de euros, as empresas poderán entregar os seus proxectos até o próximo 4 de xuño ás 13.00 horas.
A reurbanización da rúa Federico Tapia é un novo proxecto que impulsa a Concellaría de Infraestruturas dentro do plan municipal de modernización de espazos públicos e que ten, entre os seus principais obxectivos, a mellora da accesibilidade e a revitalización da actividade económica e comercial da zona. A primeira fase desta actuación acometerase por tramos: entre a praza Antonio Tenreiro e a praza de Vigo, por unha banda, e entre as prazas de Vigo e de Galicia, polo outro. Para executar esta primeira etapa do proxecto, de 5.150 metros cadrados,o orzamento previsto pola área que dirixe Martín Fernández Prado é de 1.079.878 euros.
Cun prazo de execución máximo de 8 meses, o obxectivo é empezar as obras entre setembro e outubro para que, entre a praza Antonio Tenreiro e a praza de Vigo, estean terminadas antes da campaña de Nadal; e, a continuación, ao terminar estas obras e despois da campaña do Nadal, empezaranse entre as prazas de Vigo e de Galicia. É dicir, que se desenvolverá por fases dentro do espírito do actual equipo de goberno de compaxinar os traballos coa actividade diaria dos cidadáns.
Esta nova actuación pretende favorecer a mobilidade na zona, así como renovar o pavimento, mellorar a rede de rede de sumidoiros e os puntos de iluminación pública co obxectivo final de revitalizar unha das vías principais do centro urbano e que une os barrios de Catro Camiños, A Falperra e o Ensanche co centro da cidade.
O proxecto de urbanización de Federico Tapia contará cun orzamento final de 1,79 millóns de euros, pois tamén está programado desenvolver unha segunda fase na que se convocará un concurso de ideas e incluirá a reurbanización da praza Antonio Tenreiro -uno dos fundadores do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia-, unha superficie que rolda os 3.340 metros cadrados. Como xa ocorreu noutros proxectos, como a reordenación do paseo marítimo, o Concello contará coa colaboración dos colexios profesionais para este concurso de ideas. Para executar esta segunda etapa do proxecto, o orzamento roldará os 700.000 euros.
Mestre Clavé
A reforma de Federico Tapia permitirá crear un itinerario accesible que se conectará coas escaleiras mecánicas de Mestre Clavé, que tamén se sacou hoxe a concurso a súa execución por un importe final de 1.395.932 euros e
un prazo de execución de 11 meses.
A rúa Mestre Clavé, entre Juan Flórez e Sinforiano López, atópase dentro dun tecido consolidado e unha sección viaria estreita que dada a súa orografía sempre foi peonil. Debido ao seu carácter residencial, é necesario establecer lugares de estancia e non só de paso. Por estes motivos, o Concello acomete este proxecto que permitirá salvar un desnivel de 18 metros e a eliminación de 99 chanzos. Os principais obxectivos son:
– Establecer un espazo previo ás escaleiras, tanto ao principio como ao final da rúa.
– Mellorar e facilitar a mobilidade peonil coa colocación de 5 tramos de escaleiras mecánicas, o que provocará un tránsito peonil fluído e cómodo pola rúa.
– Mellorar a viabilidade peonil da zona, mediante un tratamento integral coa contorna.
– Ofrecer comodidades aos usuarios con espazos para a relación e o esparexemento.
– Incorporar unha nova instalación de iluminación, pavimento e de rede de pluviais (na actualidade verte directamente á vía).
O Concello dá así un paso máis no seu compromiso coa mobilidade e co Plan de Accesibilidade impulsado polo actual equipo de goberno. O Executivo municipal convocou o Concurso de Ideas para mellorar a mobilidade peonil en cinco puntos singulares da Coruña: Ramón Cabanillas con avenida de Arteixo; Marqués de Cerralbo; Capitán Troncoso con Xeneral Alesón; Maxistrado Manuel Artime con Cabo Santiago Gómez; e Mestre Clavé. Para este último proxecto, o xurado do concurso -o Concello contou coa colaboración de loscolegios de Arquitectos; Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos; e Industriais- deu o primeiro premio a Juan B. Pons Herrera.
Baixo o título Escaleira mecánica universal, o proxecto gañador propón a instalación de cinco escaleiras mecánicas que comuniquen as diferentes cotas e que xeren espazos públicos. A particularidade das escaleiras é que serán aptas para todo tipo de usuarios ao permitir o desprazamento de persoas en cadeira de rodas, con mobilidade reducida ou que transporten obxectos voluminosos, grazas a un sistema que converte tres dos chanzos nunha plataforma que se activa mediante un botón. Estas escaleiras, segundo o proxecto gañador no concurso de ideas, pódense utilizar tanto para subir como para baixar.
O Concello xa adxudicou en febreiro a redacción do proxecto e a dirección e coordinación das obras por 40.000 euros. Contará coa colaboración e supervisión de Infraestruturas, posto que un dos compromisos do actual equipo de goberno é que o Concello sexa pioneiro en Galicia na instalación de ascensores e escaleiras mecánicas como solución para mellorar a accesibilidade e a mobilidade. Así, en decembro, puxéronse en funcionamento as primeiras escaleiras mecánicas nun espazo aberto: en cálea Praza, nas inmediacións do mercado de San Agustín, cun orzamento de 133.846 euros.











