Ábrese o prazo para optar á convocatoria de subvencións para organizar actividades culturais e festivas en Ourense
A Concellería de Cultura do Concello de Ourense abre ata o día 13 de xuño o prazo para que podan presentar as súas solicitudes os colectivos interesados en optar ás subvencións a asociacións, comisións e entidades sen ánimo de lucro que desenvolvan accións no eido cultural e festivo no Concello de Ourense durante o presente ano 2014. O Concello de Ourense destinará a estas axudas unha achega de 103.000 euros.
A convocatoria foi publicada no Boletín Oficial da Provincia de Ourense do pasado sábado, 24 de maio. As solicitudes poderán presentaranse ata o día 13 de xuño no Rexistro Xeral do Concello de Ourense ou mediante as demais formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, achegando a documentación requerida nas bases reguladoras.
O obxectivo desta convocatoria é regular a concesión de subvencións para o funcionamento e a realización de programas, actividades culturais e festivas concretas que se desenvolvan no termo municipal de Ourense por parte de persoas físicas ou xurídicas, asociacións, comisións e entidades sen fin de lucro, así como actuacións que teñan como finalidade principal promover e estender o uso social da lingua galega.
Para os efectos desta convocatoria, entenderase por programas ou actividades culturais e festivas concretas aquelas destinadas á promoción e cooperación cultural, e a difusión e animación sociocultural que contribúen ao espallamento e promoción da lingua e cultura galega.