Aberto o prazo para anotarse no Diverteo de xuño e no Verán Animado
O Departamento de Educación publica a convocatoria dos programas de conciliación Diverteo xuño e Verán animado que funcionarán durante os días de xuño nos que xa non hai colexio e no mes de xullo. As dúas actividades funcionarán en horario de mañá nos tres centros habituais, nos colexios de Calo, Os Tilos e A Ramallosa e están dirixidas a nenos/as de 3 a 12 anos escolarizados/as e empadroados/as no Concello de Teo.
O Diverteo xuño funcionará os días 23, 24, 25, 26, 27 e 30 de xuño. O prazo de inscrición está aberto entre o 19 de maio e o 7 de xuño. Hai 145 prazas dispoñibles e aínda que nas últimas convocatorias non se cubre a demanda para o acceso terase en conta a orde de inscrición. A ficha, que xa se pode descargar da web municipal, hai que entregala no Rexistro Xeral do Concello. O custo do Diverteo do mes de xuño é de 18 euros, tres euros por día. A listaxe de admitidos/as publicarase a partir do 11 de xuño e antes do 18 deben facer o pagamento e entregar o xusticante no Rexistro do Concello. O Diverteo setembro funcionará dende o 1 de setembro ata o comezo das clases e a inscrición abrirase entre o 30 de xullo e o 18 de agosto.
Por outra banda o Verán animado funcionará no mes de xullo, dividido en dúas quendas como vén sendo habitual. Deste xeito os usuarios poden elixir só unha das quincenas ou as dúas. O verán animado 1 funcionará entre o 1 e o 15 de xullo e o verán animado 2 entre o 16 e o 31 de xullo. O custo é de 33 euros por quenda. O servizo de comedor, no caso de que exista demanda suficiente para que funcione, costará 38,50 euros cada quincena. O Verán animado terá un horario de 07:45 a 14:30 horas salvo que usen o servizo de comedor que finaliza ás 15:15 horas. O número de prazas é de 165 prazas en cada unha das quendas e para o acceso terase en conta a orde de inscrición. A ficha pódese entregar no Rexistro Xeral do Concello entre o 19 de maio e o 12 de xuño. A listaxe de admitidos pulicarase o 17 de xuño e o pagamento debe facerse ata o 25 do mesmo mes. O Concello convoca unha reunión informativa para os participantes no Verán animado o mércores 18 ás 20:00 horas no salón de plenos.











