Aberto o prazo de inscripción na I Carreira Popular a San Antonio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeira
A-
A+

O circuito Cedeira Deporte, que promove o Club Natación Cedeira Muebles García coa colaboración do Concello, ofrecerá no mes de xuño unha nova proba. Será a primeira edición da Carreira Popular a San Antonio e celebraráse o día 14 pola tarde, coincidindo coa festividade. A organización anuncia que as persoas interesadas en participar xa poden inscribirse ben no email cnatacioncedeira@gmail.com, no teléfono 652 214 833 ou na secretaría da competición ata unha hora antes de comezar a proba. O custe é dun euro nas categorías biberón, pitufos, benxamín, alevín e infantil; de cinco en junior, sénior e veteráns e gratis para os socios das seccións de natación e atletismo do Club Natación.

Nela poderán participar nenos e maiores sen límite de idade e as distancias a percorrer oscilan, segundo a categoría, entre os 100 metros e os cinco quilómetros. O punto de saída e de chegada será o mesmo lugar de San Antonio, xunto á ermita. Haberá trofeos para os tres primeiros clasificados en cada categoría e sexo –agás en biberón e pitufos-. Neste último caso, todos os participantes levarán medalla.

Nesta probra obteránse puntos para a clasificación xeral individual e familiar do circuito Cedeira Deporte. O podium familiar actual está liderado polas seguintes familias: Agustín González, Iván González e Agustín González (1º); Ana Leonardo, Modesto Riveiro, Manuel Riveiro e Carlos Riveiro (2º) e Emilio López, Elsa López e Emilio López (3º). Ao igual que na clasificación individual, cada integrante obterá os mesmos puntos que a súa posición en meta (o primeiro un punto, o segundo dous…). A puntuación do equipo familiar nesta carreira será a resultante da suma dos puntos acadados polos seus integrantes, dividido polo número de atletas do equipo familiar participantes na proba. Para o caso daqueles que tomen parte na categoría biberón e pitufos a puntuación será por participación.

Cedeira Deporte é un circuito de probas deportivas que nacía co novo ano coa intención de fomentar a práctica deportiva entre a veciñanza. Cun enfoque novidoso e coa motivación de que as actividades chegasen a un gran número de persoas de todas as idades, combina carreiras con travesía a nado, acuatlón ou bicicleta. Así, ao longo do ano ofrece actividades donde o importante non son os resultados senón a participación sa e saudable, con probas tanto individuais como en familia.

29 de maio de 2014 | 19:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.